26 de abr. de 2024

CONCURSO LETRAS GALEGAS NO CONCELLO



LETRAS GALEGAS, 2024

Luísa Villalta foi a autora elixida, pola Real Academia Galega, para dedicarlle o Día das Letras 2024.

Conxuntamente, Dinamización Lingüística e Biblioteca ofrecen algunhas maneiras de achegarse á súa figura:
  • Poema caligrama da poeta con música de Manoele de Felisa.
  • Música e poesía en Luísa Villalta, audiovisual realizado por Illa Bufarda.
  • E se neses días pasades pola biblioteca agallasarémosvos cun marcapáxinas no préstamo.

24 de abr. de 2024

GAÑADORES ENFIANDO VERSOS II

Despois da final no día do libro, estes foron os gañadores. O premio, un vale de 50 €, nunha librería do pobo, para cada categoría.

A pola III edición!!!

  • NA CATEGORÍA 1º/2º ESO: ZAYRA G., ARIADNA M. E MARÍA E - 2º ESO B
  • NA CATEGORÍA 3º/4º ESO: ADRIÁN P. - 3º ESO C

GAÑADORES PORTAS

E xa temos veredicto. O xurado, formado por 3 profesores e 3 alumnos, decidiu que as gañadoras foran:

  • Na categoría 1º/2º da ESO:
TITORÍA 2º A
  • Na categoría 3º/4º ESO

TITORÍA 4º B

20 de abr. de 2024

PORTAS POLO DÍA DO LIBRO, 2024

O cole xa está respondendo á nosa proposta e podedes ver algunha picando na foto (esta, ao ser a nosa da biblio, non participa no concurso).

Cando pase o xurado, decidiranse as portas gañadoras.

9 de abr. de 2024

DÍA DO LIBRO, 2024

Como aperitivo neste día podemos ver "Los fantásticos libros voladores del Sr. Morris Lessmore", unha curta de animación gañadora dun Oscar no 2012.

CONCURSO DÍA DO LIBRO, 2024

En paralelo á exposición polo día do libro, organizamos un concurso no que haberá que identificar quen se agocha trala foto.
Non parece tan dificíl, ou si?
Para participar no concurso, cubride unha ficha e entregádea na biblioteca antes do 30 de abril.

5 de abr. de 2024

EduReferentes

No marco do programa EduReferentes desenvolvemos nestes días as mentorías individualizadas. E foi Sonia Felpete a elixida para compartir a súa experiencia e coñecementos, apoiando a un grupo escollido de alumnas de 4º da ESO na busca das súas fortalezas, habilidades e intereses.
Sonia Felpete, asesora de imaxe e referente na súa profesión axudounas a visibilizar a figura da muller a nivel profesional.



DECORANDO PORTAS

Para que cunda o exemplo, xa temos a porta da biblio preparada (fóra de concurso). E xa vemos como están as titorías e os Dptos a traballar.

Que gañe a mellor!



23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO

Coa exposición deste curso, deseñamos, coma sempre, un marcapáxinas que se entregará na biblioteca como agasallo co préstamo.

EXPOSICIÓN "A ESCOLA NON SEMPRE FOI ASÍ"

Recuperamos unha exposición antiga que tivo moito éxito e xa comezamos a montaxe. En breve poderedes pasar a visitala. Estará ata fin de curso e conta cunha guía para percorrela.
Pedídelle aos vosos profes/titores que vos leven; resultaravos, polo menos, curiosa.

4 de abr. de 2024

ACROSPORT NA ESO

En Educación Física, con Clara, practicaron acrosport, unha modalidade deportiva que combina a acrobacia e a coreografía.
Neste deporte traballaron as capacidades e habilidades de forza, flexibilidade, coordinación ou equilibrio; e ademais, a cooperación, a autosuperación, a sociabilidade e a creatividade a nivel grupal.

Picade na imaxe para ver máis.

30 de mar. de 2024

CAMBIO DE HORA

Esta noite non esquezades.
Este costume de atrasar o reloxo en inverno e adiantalo en verán empezouse a usar de forma xeneralizada en 1974 tras a primeira crise do petróleo. O obxectivo era poder aproveitar mellor a luz do sol e consumir menos electricidade.
O cambio supón un aforro potencial estimado de enerxía que podería alcanzar o 5%, ao redor de 300 millóns de euros, segundo estimacións do Instituto de Diversificación para o Aforro Enerxético (IDAE).
Non obstante, non todo o mundo está de acordo con este cambio de hora. A Comisión Nacional para a Racionalización dos Horarios Españois (ARHOE), insiste na importancia de non efectuar este cambio para "estar en harmonía coa luz solar".
Esta medida non só se adopta en España, senón que se leva a cabo nuns 70 países en todo o mundo; en concreto, todos os países de Europa, América do Sur, África, algunhas zonas de Estados Unidos e Canadá. É Xapón o único país industrializado que non se adaptou a esta normativa.

25 de mar. de 2024

A POLA TERCEIRA AVALIACIÓN!

E así despedimos o trimestre e demos a benvida ao último tramo do curso. Sol, deporte e diversión presidiron o día.


23 de mar. de 2024

27 DE MARZO, DÍA MUNDIAL DO TEATRO

 

O día 27 de marzo celébrase, dende o 1961, o Día Mundial do Teatro, por iniciativa do Instituto Internacional do Teatro (ITI).
Un dos actos máis representativos é a circulación da Mensaxe Internacional, tradicionalmente escrita por unha personalidade de prestixio. O elixido este ano é o recoñecido Peter Sellars.
Algúns recursos e páxinas de interese para desenvolver o tema nas aulas:

21 de mar. de 2024

BECAS MEC

BECAS MEC de Alba Gonzalez Viso

ADN EN BIO

Os alumnos de cuarto reproduciron a dobre hélice do ADN con materiais que eles mesmos escolleron. Logo investigaron sobre o trato que se lle deu a Rosalind Franklin neste asunto. " Os trapos sucios da dobre hélice".

19 de mar. de 2024

21 MARZO, DÍA DA POESÍA

En calquera momento a lectura pode ser unha fantástica vía de escape; por iso, dende a biblioteca, recomendamos:
Acción Poética

ESTRUTURAS EN TECNOLOXÍA

Os alumnos de 2º da ESO traballaron en Tecnoloxía as estruturas. Recrearon grandes obras da arquitectura ou da enxeñaría con excelentes resultados.

Entra na imaxe e veralas todas.

14 de mar. de 2024

13 de mar. de 2024

15 DE MARZO, DÍA DO CONSUMO RESPONSABLE


O 15 de marzo de 1963, o presidente de EE.UU., John F. Kennedy, pronunciou un discurso ante o Congreso dese país no que se referiu aos dereitos dos consumidores. Algúns anos máis tarde, o movemento de consumidores comezou a celebrar cada 15 de marzo o Día Mundial dos Dereitos do Consumidor para aumentar a conciencia mundial sobre estes dereitos.
Podemos analizar a nosa actitude ante o consumo e a forza da publicidade despois de ver algún destes vídeos.




Spot publicitario de Dove que provocou unha resposta de Greenpeace na que denunciaban a deforestación do Sudeste de Asia para plantacións de aceite de palma.
Máis materiais en Datos e datas, Igualdade Vigo

12 de mar. de 2024

DÍA DO NÚMERO PI

Dende o 2009 celebramos o 14 de marzo o día de Pi, data que o Congreso de EEUU elixiu para homenaxear a este número irracional, con intención de promover as matemáticas e as ciencias na educación. Os parlamentarios escolleron ese día porque a súa escritura en inglés (3/14) coincide co valor da ilustre constante.
Máis curiosidades do número pi...
E a celebración do IES MUGARDOS neste día

11 de mar. de 2024

8M EN 1º ESO

Baixo o lema "Mulleres tiñan que ser", o alumnado de 1º A recolleu nestes murais un feixe de mulleres que, ao romper barreiras, fixeron historia e abríronnos o camiño ás demais.




7 de mar. de 2024

8M, 2024

Mañá, o claustro do CPI da Cañiza conmemoramos o día dun xeito ben especial.
Estampamos camisetas cos traballos premiados que, en Plástica, fixo o noso alumnado, co gallo do 25N. Así, á vez que temos a nosa "Cañiza Fashion Week", poñemos en valor esa creatividade.
Mentres agardades a mañá para vernos, mirade o noso "outfit".
Queredes para vós unha camiseta igual? Se é así, podemos pensar o xeito de conseguila.
E aquí nos tedes.

22 de feb. de 2024

DÍA DE ROSALÍA, 2024

Cristina, de Dinamización Lingüística, coa axuda do equipo de Polos Creativos, deseñou estes marcapáxinas cos que nos agasallarán mañá, para que conmemoremos o Día de Rosalía.

DÍA DE ROSALÍA, 2024

O Día de Rosalía de Castro pasou a celebrarse o 23 de febreiro, auténtica data de nacemento da poeta.

A Xunta de Galicia e as institucións vencelladas á autora deciden cambiar a efeméride tras a aparición de nova documentación que desvela a súa data real.

RECURSOS PARA CONMEMORAR O DÍA AQUÍ

17 de feb. de 2024

ORATORIA EN 3º DA ESO

Nesta actividade de declamación poética, os alumnos recitaron poesía para a xente que acudiu á feira do día 6 de febreiro.


8 de feb. de 2024

11 F, DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA, 2024

Para o 11F, os departamentos de Ciencias vimos a película Figuras Ocultas e, ao traballar a UD sobre a peli, reflexionamos sobre o papel das mulleres no mundo da Ciencia.

Para pechar a actividades fixemos un mural con frases relacionadas co tema e coa peli que propuxo o alumnado.

Máis fotos picando na imaxe.

2 de feb. de 2024

PAZ, 2024

Pechamos unha semana intensa:

  • Realizamos un mural cos desastres da guerra. Dun canón, deseñado en Plástica polo alumnado de Ángel (grazas por responder SEMPRE ás nosas peticións), saen as imaxes recollidas polo alumnado de 2º a 4º.
  • Respectando a temática deste ano, "a volta ao mundo", deseñamos un mural coa palabra paz nas distintas linguas. Foi realizado polo alumnado de 1º coa axuda das titoras e a imprescindible colaboración de Dimas, profesor de Xeografía.
  • Participamos na carreira solidaria que conleva, ademais, a recollida de alimentos no centro.
  • Organizamos, para o alumnado de 3º, un encontro co escritor, tradutor, xornalista de viaxes, profesor (actualmente no IES nº 1 do Carballiño) e actor de telenovelas, Moncho Iglesias Míguez. Deleitounos cunha exposición literaria sobre Palestina, coa súa situación terrible, pero tamén sobre a súa cultura, poesía e costumes.

Entrade nas imaxes para ver máis.