martes, novembro 26

ROMPE, DARIO DK

A canción de Dario DK, que recolliamos na selección de actividades do 25N, xa ten un vídeo. Nel participou o alumnado de 4º da ESO e os Departamentos de Lingua Galega e Castelá do CPI de Mondariz.

luns, novembro 25

CÓNTALLO A VIOLETA

Xa se colgaron os lemas nas instalacións do cole e aquí unha pequena mostra. Pincha na imaxe para ver máis.

DECÁLOGO 25N

Os decálogos xa comezan a aparecer no taboleiro da entrada.


E hoxe, 25 N, Lucía, Aurora, Álex e Diego, alumnos de 3º ESO fixeron unha lectura dos mesmos empregando a megafonía do centro.

xoves, novembro 21

25 NOVEMBRO

Este curso, para visibilizar e difundir entre a comunidade educativa o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, levaremos adiante diferentes actividades.
- O I Concurso de Debuxo e o I Concurso de slogans “DEBUXA PARA VIOLETA” e “CÓNTALLO Á VIOLETA”, promovido pola Concellería de Benestar Social e Sanidade do Concello da Cañiza en colaboración co CPI. Nesta actividade o alumnado de 1º da ESO, organizado en 20 grupos, terá que crear un lema e unha ilustración. Participarán nesta actividade os Departamentos de Lingua Galega e Plástica. Cos lemas farán uns carteis que se colgarán nos comercio da vila e nas instalacións do CPI o día 25. O concurso terá unha segunda parte que será a elaboración dun calendario coas doce ilustracións finalistas.
- A segunda actividade xorde arredor do Plan Proxecta “Donas de si “ que se está a desenvolver este curso no CPI. Cada titoría creará un Decálogo de bos hábitos para a prevención da violencia de xénero. Os Decálogos permanecerán expostos nun taboleiro na entrada. 
- Tamén se repartirán pegatinas co Logo do Centro e o lazo violeta entre o alumnado.
Confiamos en que todas os lemas, ideas e accións propostas callen de certo na vida do noso alumnado e que sexan suxeitos activos e responsables na prevención desta lacra social que é a violencia de xénero.

mércores, novembro 20

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Neste espazo ofrecemos sete elementos motivadores cos que debatir e sensibilizar e, ademais, un banco de recursos. 
É importante detectar a desigualdade para loitar contra ela; só educando e igualdade de homes e mulleres estaremos contribuíndo a reducir e eliminar a secuela da violencia de xénero.
1.- Videopoema "Inagotables" do libro Asíntota de Carlos Miguel Cortés.
Tamén podemos escoitar a versión realizada por Dario DK para o CPI de Mondariz.
2.- ¡Qué niña tan bonita!
Curta de Alicia Ródenas con texto de Ro de la Torre coa que se presentou á sétima edición do concurso de curtas do instituto Diego Siloé de Albacete.
Ao longo do vídeo, a moza le cen frases ás que cada muller está exposta desde a súa nenez; entre outras: "Se te ven xogar cos mozos chamaranche marimacho" ou "Non sexas tan bruta xogando, pareces un neno".
 
3.- Sexismo no deporte
"Poderías dar unha volta para nós e dicirnos algo sobre o teu vestiario?" Esta é unha de tantas preguntas que os xornalistas deportivos lles fan ás atletas e que recolle a campaña #CovertheAtlete.
Pois ben, como reaccionarían eles de seren tratados do mesmo xeito?
4.- As nenas poden
Campaña que nos invita a todos para que a igualdade desde a infancia sexa un obxectivo prioritario.

5.- De par... en par
Trátase da campaña do SAAMA (Servizo de Apoio e Atención contra o Machismo). Cos textos de Neus Nebón  e as ilustracións de Tania Acuña, este vídeo serve como test a todas esas condutas do día a día que forman parte da pirámide machista que remata na violencia contra as mulleres.
6.- Experimento social
Camiñar polas rúas dunha gran cidade como Nova York resulta insoportable se a persoa acaba sendo branco de acoso, disfrazado de 'simple cumprimento'.
Como parte da súa última campaña, a plataforma Hollaback!, que loita contra o acoso, condensou 10 horas de gravación neste vídeo no que a actriz Shoshana Roberts experimenta a crúa realidade coa que moitas mulleres se enfrontan cada día.
7.- Como actuamos ante a violencia machista?
Todo o mundo rexeita, sen ningún tipo de paliativos, a violencia contra as mulleres. Pero, que acontece cando somos testemuñas en primeira persoa deste tipo de agresións?

A compañía sueca STHLM Panda decidiu comprobar a reacción da xente ante a violencia de xénero. Cunha cámara oculta instalada nun ascensor, un home ameaza e agride a súa suposta parella, ante unha testemuña.
Abonda con ver o vídeo para comprobar que, aínda que a opinión e actitude da maioría cidadá é totalmente contraria a este tipo de violencia, á hora da verdade, non se actúa en consecuencia. Só unha das 53 vítimas da cámara oculta reacciona ante a agresión.
Na biblioteca, ese día, con marcapáxinas, música, libros e audiovisuais intentaremos sensibilizar, previr ou detectar situacións de risco.

martes, novembro 19

CONCURSO NADAL

  DECORAMOS A PORTA DA BIBLIOTECA
Ao igual que fixemos en cursos pasados, queremos decorar a porta da biblioteca para o Nadal coa vosa colaboración.
Bases:
  • Participantes: a participación será individual ou en grupo (máximo 4 persoas).
  • Prazo: a data límite para entregar na biblioteca os proxectos será o 2 de decembro.
  • Tema: o Nadal. 
  • Procedemento: realizarase o deseño nun folio no que, ademais, se expliquen os materiais empregados na súa realización. Lembrade que ha de ser papel, cartón, cinta, algodón, ou calquera material fácil de conseguir e económico.
  • Xurado composto por:
  • Un membro do equipo da biblioteca.
  • Un membro do Equipo Directivo.
  • O profesor de Educación Plástica e outro profesor/a do centro.
  • Un delegado ou subdelegado elixido de entre os non participantes.
  • Gañador: elixirase un único premiado de entre todos os traballos presentados. 
  • Premios:
  • Realización do deseño na porta da biblioteca.
  • Un agasallo a elixir entre: un Mp4, unha selección de libros, un videoxogo educativo, material escolar (arquivador, pen drive…)
Aquí tedes algún modelo:
Gañadora 2018
Gañadora 2017
Gañadora 2016

luns, novembro 18

SEMANA DA BIBLIOTECA EN PRIMARIA



Este ano a Biblioteca de primaria, 
ten unha porta
pola que se entra a un mundo cheo de imaxinación!!!!!!!



Os neno/as disfrutaron do día da biblioteca 24 de outubro:
Fixemos unha semana de celebracións, na que todo infantil e primaria 
participou no xogo da ruleta, e para poder levar un agasallo, tería que acertar
as preguntas e pasar as probas.





































xoves, novembro 14

PREMIO CERVANTES, 2019

O poeta Joan  Margarit (Lleida, 81 anos) foi recoñecido este xoves co máis prestixioso galardón das letras en todo o ámbito do español, o premio Miguel de Cervantes.
Na acta do galardón, o xurado destaca que «a súa obra poética de fonda transcendencia e lúcida linguaxe sempre innovador enriqueceu tanto a lingua española como a lingua catalá, e representa a pluralidade da cultura peninsular nunha dimensión universal de gran mestría».