29 de set. de 2023

PREMIO NACIONAL DE POESÍA, 2023

A poeta galega Yolanda Castaño foi galardoada co Premio Nacional de Poesía, pola súa obra "Materia", unha "poderosa proposta poética na que cada estado da materia se expresa nun ton propio".

O xurado destacou que Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1974) mostra en Materia unha poesía "metafórica" que dialoga coa "memoria persoal e colectiva" e que é "directa, radical e feminista".

Castaño comezou a mediados dos anos 1990 publicando poemas soltos, e foi en 1995 cando viu a luz a súa ópera prima, "Elevar as pálpebras". Os seus seguintes poemarios, "Delicia" e "Vivimos no ciclo das Erofanías", tiveron unha excelente acollida de público e crítica. A autora escribe exclusivamente en lingua galega, pero ela mesma se traduce á lingua castelá, polo que a maioría das súas obras se atopan en ambas as linguas.

26 de set. de 2023

SAMAÍN

O equipo de Dinamización Lingüística presenta unha interesante proposta para celebrar o Samaín.
Quen se anima?

25 de set. de 2023

UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS

 

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2023/2024. O lema elixido, UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS, quere poñer o foco en todas as posibilidades que a a banda deseñada ofrece tanto no goce lector como na aprendizaxe curricular.
 A imaxe é obra de Jorge Campos ilutrador, arquitecto e artista do cómic.

22 de set. de 2023

CPInclúe

Dende Orientación, Dinamización e Biblioteca comenzan as primeiras dinámicas do programa CPInclúe. Aquí unha proposta para titorías.
Purple Playful Illustrative Podcast Cover de Alba Gonzalez Viso

CONTRATOS-PROGRAMA INCLÚE (CPInclúe)

Este curso participamos nas cinco actuacións dos contratos-programa Inclúe, que promoven a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a inclusión, a redución das taxas de abandono escolar temperán, o desenvolvemento da competencia emocional e, en xeral, a mellora do clima escolar de toda a comunidade educativa. Esta actuacións son:

  • QUÉDA-T
  • IGUÁLA-T
  • CONVIVE-T
  • INCLÚE-T
  • EMOCIÓNA-T
En definitiva, con eles buscamos unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolver o máximo posible as súas potencialidades e, xa que logo, contribuír á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia.

PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, 2023

Francisco Javier Zubizarreta Dorronsoro, coñecido como Patxi Zubizarreta, foi galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2023 polo seu libro Zerria, escrito en vasco.

O xurado destacou a súa obra “pola excepcional calidade narrativa e a potencia desafiante do relato con descricións hipnóticas que reflexionan sobre a condición humana. Pola mestría dun relato capaz de remover e conmover a nosa conciencia, a nosa memoria e o noso presente”. Así mesmo, o xurado sinalou que “Zubizarreta, coa súa exquisita delicadeza e elegante escritura consegue atopar a beleza na ferida e converte a literatura para o público xuvenil nunha pedra preciosa”.

18 de set. de 2023

PREMIO NACIONAL DE ILUSTRACIÓN, 2023

Luci Gutiérrez, Premio Nacional de Ilustración 2023. O xurado distinguiu á ilustradora “pola súa excepcional traxectoria e por ser unha das artistas máis sobresalientes no panorama actual, referente da ilustración española dentro e fóra das nosas fronteiras. Polo seu estilo limpo, no que contrasta unha liña moi depurada cunha paleta de cores expresiva partindo dunha economía de recursos gráficos”, segundo explica na súa argumentación o xurado que lle concedeu o galardón.

Desde que acabou os seus estudos de ilustración na Escola Massana de Barcelona en 2001, traballou en campos tan diversos como a publicidade, a prensa e os libros. No ano 2007 residiu unha tempada en Nova York. Non chegou a dominar o inglés, pero debuxou e escribiu o suficiente como para facer English Is Not Easy, un libro para aprendelo do cal se fixeron numerosas edicións por todo o mundo.

En 2019 publicou Manual de autodefensa, o seu segundo libro de autoría total, que deixa ben claro que a vida, como o inglés, non é cousa fácil. E da súa estancia americana tamén quedaron as colaboracións regulares no The New York Times, o Wall Street Journal ou The New Yorker, onde ilustra semanalmente a sección “Shouts & Murmurs”. O seu traballo foi recoñecido co premio da Society of Illustrators de Nova York e o premio Gràffica (2017).

17 de set. de 2023

ABALARMÓBIL PARA AS FAMILIAS


A Xunta de Galicia, coa finalidade de aumentar o acercamento entre o profesorado e as familias, puxo en marcha "AbalarMóbil".
Trátase dunha aplicación que permite ás familias:
  • Acceder aos datos persoais.
  • Consultar as cualificacións.
  • Consultar e xustificar as faltas de asistencia.
  • Consultar as faltas de conduta.
  • Solicitar ou cancelar unha cita de titoría.
  • Consultar avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo.
Pódese instalar tanto no teléfono móbil como nunha tablet dende Apple store (se o sistema operativo é IOS) ou dende Play Store (se o sistema operativo é Android). 
Para acceder aos datos do alumno/a é necesario que o número de teléfono dende o que se usa a aplicación estea rexistrado no seu expediente do XADE (deberán preguntar no centro se non están seguros).
Vídeo titorial

Toda a información está na web "espazoAbalar".

16 de set. de 2023

PREMIO CERVANTES CHICO, 2023

En xullo reuníase o Xurado e acordaba outorgarllo ao escritor Pedro Mañas, en recoñecemento á súa exitosa traxectoria como un dos escritores de literatura infantil e xuvenil máis lidos en España. 

As súas coleccións de “Ana Kadabra”, “Las princesas del dragón” ou “Marcus Polos” están a bater todos os récords de vendas e de lectores. É así como Mañas se converteu en posuidor dalgúns dos premios máis importantes do mundo literario.

O xurado destacou o humor, a orixinalidade, a capacidade para achar e recrear o lado fantástico da vida cotiá, a linguaxe accesible sen caer no infantilismo, así como a súa capacidade de narrar con humor temas e situacións complicadas e conflitivas, onde os seus personaxes son capaces de sobrepoñerse aos problemas, convertendo os seus puntos débiles en fortalezas.

FORMÁNDONOS

Incluso en primeiros auxilios. Aquí algúns mans á obra; ata conseguiron que o moneco saudara.😉


Grazas ao persoal sanitario da Cañiza que nos formou, pero que non faga falta aplicar o aprendido!

13 de set. de 2023

PREMIO NACIONAL DE CÓMIC, 2023

Borja González foi galardoado co Premio Nacional do Cómic pola súa obra Grito nocturno.

O xurado destacou a súa obra Grito nocturno “pola lírica, o surrealismo e por un traballo gráfico dunha gran elegancia e exquisita beleza coa que o seu autor constrúe un álbum tan divertido de ler como profundo e fascinante”.

Así mesmo, o xurado sinalou que “Borja González é capaz de transmitir co seu traballo unhas emocións que atrapan e enganchan a través das súas estilizados personaxes sen rostro”.