domingo, setembro 30

PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, 2018

Juan Kruz Igerabide foi o escritor galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2018 pola súa obra Abezedario titirijario (traducido ao castelán como Abecedario titiridario). O xurado decidiu premiar ao autor e a súa obra “pola mestría no uso dunha linguaxe poética que se nutre da aliteración, do humor, do absurdo, da fantasía e dos ecos da tradición oral vasca”.
A obra, escrita en euskera co título orixinal Abezedario titirijario. Letren txotxongiloa, xa foi traducida ao galego (Abecedario monicredario) e ao castelán (Abecedario titiridario).

O galardón concédeo o Ministerio de Cultura e Deporte para distinguir unha obra de autor español, escrita en calquera das linguas oficiais nacionais e editada no noso país durante o pasado ano 2017.
Kruz Igerabide é autor de literatura infantil e xuvenil, tradutor e poeta. En 1995 comezou a publicar poesía para público infantil, con obras como Haur korapiloak (Trabalinguas para nenos), Botoi bat bezala (Como un botón), Mintzo naiz isilik (Aos teus ollos a miña voz) ou Munduko ibaien poemak (Poemas para os ríos do mundo). Tamén escribiu poesía para mozos, como Kartapazioko poemak e Hosto gorri, hosto berde (Folla vermella, folla verde), e narrativa, como as novelas Helena eta arrastiria (Helena e o sol poñente) e Bosniara nahi (Volver a Bosnia). En narrativa infantil escribiu máis dunha vintena de contos, como a serie protagonizada por Jonas, que comezou con Jonas eta hozkailu beldurtia (Jonás e o frigorífico medroso).
    
  

PREMIO NACIONAL DE ILUSTRACIÓN, 2018

A ilustradora e debuxante catalá María  Rius  Camps foi galardoada co Premio Nacional de Ilustración 2018 "pola súa  extensísima traxectoria, pola atemporalidade da súa obra, polo carácter sereno da súa ilustración, sempre en diálogo co texto e, finalmente, pola súa implicación co colectivo de ilustradores".
Na súa extensa carreira "colaborou con diversas revistas infantís, cabeceiras de xornais e editoriais, destacando como defensora da difusión do libro infantil e deseñando xogos educativos e carteis". Así mesmo, "conta na súa bibliografía con máis de 370 títulos, algúns dos cales foron publicados nunha vintena de países, entre eles, Estados Unidos, Alemaña, Xapón e Israel, e as súas ilustracións percorreron diversas exposicións colectivas e individuais por todo o mundo".

martes, setembro 25

NOBEL DE LITERATURA, 2018


Este ano, por primeira vez desde 1949, non se entregará o Nobel de Literatura. O escándalo de acoso e abusos sexuais, que destapou ademais unha serie de irregularidades na institución que elixe o prestixioso galardón, provocou a súa suspensión.
A Academia sueca anunciou, xa en maio, que pospoñería a decisión e a entrega do Nobel ata o ano que vén, ano no que entregarán dous galardóns.
A decisión non afecta aos outros premios Nobel, que entregan organismos distintos.
O Nobel de Literatura só quedou deserto en 1935 e non se deu en 1914, 1918, 1940, 1941, 1942 e 1943 debido ás dúas guerras mundiais. Ademais, pospúxose noutras sete ocasiones en busca dun "candidato axeitado", pero nestes casos (1915, 1919, 1925, 1926, 1927, 1936 e 1949) sempre terminou por darse, a maioría deles ao ano seguinte. 

luns, setembro 3

CALENDARIO ESCOLAR 2018-2019

Xa temos os calendarios escolares para este curso.
Podemos descargar aquí o calendario anual ou os mensuais coas festas do noso Concello.
Elixide o que vos conveña.