8 de xan. de 2016

100 PALABRAS PARA DESIGNAR A CHOIVA

 
En días como os que estamos pasando convén recordar que
os galegos temos máis de cen palabras para designar a choiva, das que 61 a denominan directamente. As razóns resultan bastante obvias.
Hai xa algúns anos, Elvira Fidalgo (catedrática de Filoloxía da Universidade de Santiago)  identificounas tras enquisas en máis dun cento de parroquias e localidades das catro provincias galegas, Asturias, León e Zamora.
Para resumir, aquí están algunhas:
  • Para chuvia feble: Babuña, Babuxa, Barbaña, Barbuza, Barrallo, Barrufa, Barruñeira, Barruzo, Borralla, Breca, Chuvisca, Chuviscada, Chuviñada, Froallo, Lapiñeira, Marmaña, Orballo, Parruma, Parrumada, Patiñeira, Patumeira, Poalla, Poallada, Poalleira, Poallo, Zarzallo…
  • Para chuvia forte: Arroiada, Ballón, Basto, Bátega, Bategada, Cebra, Cebrina, Chaparrada, Chuvascada, Chuvasco, Chuvieira, Cifra, Ciobra, Dioivo, Treixada, Xistra, Zarracina…
  • Cando hai raios e tronos: Treboada, Torboada, Torbón, Trebón…
  • Se vén con neve e xeo: Auganeve, Cebrina, Cebrisca, Escarabana, Nevada, Nevarada, Nevareira, Nevarío, Nevisca, Nevarisca, Pedrazo, Salabreada, Sarabiada, Torba…
  • Cando remata de chover: Amizar, Delampar, Escambrar, Escampar, Estear, Estiñar, Estrelampar…
  • E cando hai condensación de auga: Borraxeira, Borraxoia, Brétema, Cegoña, Fuscallo, Néboa, Neboeiro, Nebra, Zarrazina…
  • Ás palabras propias para a choiva en galego, hai que engadir as expresións formadas cun elemento que indica gran cantidade, por exemplo “chover a caldeiros”, “chover a ballón”, “caer (a auga) a barullo”, “a cichón”, “a choupón”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario