25 de set. de 2024

PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, 2024

A escritora asturiana Mónica Rodríguez foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2024 por Umiko (Diego Pun Edicións), ilustrado por Daniel Piquera Fisk.

O xurado destacou Umiko por “a sonoridade, dominio dos rexistros, pola beleza do relato e pola capacidade para conectar co público ao que vai dirixido e ao que acolle e atrapa desde o principio”.


21 de set. de 2024

PREMIO NACIONAL DE POESÍA, 2024

María Jesús Pato Díaz (Chus Pato) foi galardoada co Premio Nacional de Poesía, correspondente ao ano 2024, pola súa obra ‘Sonora’.

O xurado destacou ‘Sonora’ por “ser unha obra experimental e unha conversación entre o poema e a morte, aquela que, tras a orfandade da nai, arrastra aos lectores cara aos abismos da propia liñaxe".

Chus Pato, nacida en Ourense en 1955, é autora de varios títulos polos que recibiu outros galardóns como o Premio Nacional da Crítica Española, na súa modalidade de poesía galega e é, ademais, una das poetas galegas e en galego de maior proxección internacional.

Algunha das súas obras: "M-Talá", "Charenton", "Secesión" ou "Carne de Leviatán".

18 de set. de 2024

PREMIO NACIONAL DE CÓMIC, 2024

A ilustradora e autora de cómic Bea Lema foi galardoada co Premio Nacional do Cómic de 2024 pola obra "El Cuerpo de Cristo", da que o xurado destaca que “posúe unha gran profundidade e sensibilidade pola maneira de abordar un tema tan complexo como o da saúde mental desde a propia experiencia da autora, así como a reivindicación da importancia dos coidados”.

Para o xurado, a obra é “innovadora, arriscada no formal, con texturas e composicións que transcenden as técnicas máis utilizadas, sen renunciar ao uso do humor e a unha mirada poética”. Ademais dos debuxos, Lema inclúe nesta obra bordados feitos a man por ela mesma.

En 2017, Lema recibiu o Premio de Cómic Castelao da Deputación da Coruña por "O Corpo de Cristo2, o seu debut na novela gráfica e a primeira versión do libro agora premiado.




16 de set. de 2024

LEITMOTIV CURSO 2024-2025

Temos un comezo de curso convulso. O desprezo sistemático da Admón, con novidades de última hora, fainos perder horas de atención, para poder cubrir outras necesidades do centro.

Aínda así, aquí estamos, co motivo que nos guiará este curso: AS ARTES.

15 de set. de 2024

BIBLIOTECA ESCOLAR, A ESCENA!

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2024/2025. O lema elixido, BIBLIOTECA ESCOLAR, A ESCEA, abre as portas a traballar o teatro en todas as súas variantes. As bibliotecas escolares saen a escena para ler, interpretar, radiar, escribir e gozar co TEATRO.

 A imaxe é obra da ilustradora e muralista Xoana Almar

PREMIO CERVANTES CHICO, 2024

En xullo, reuníase o Xurado e acordaba outorgarllo á escritora Begoña Oro Pradera, en recoñecemento á súa exitosa traxectoria no mundo da literatura infantil e xuvenil.



Nacida en Zaragoza, recibiu outros grandes galardóns do mundo da literatura xuvenil e infantil, como o Premio Gran Angular en 2011, por "Pomelo y Limón". A súa novela "Croquetas y wasaps" foi incluída na lista dos dez mellores libros xuvenís do País no ano 2013. En 2014 quedou finalista do premio O Barco de Vapor por "El niño del carrito". Recibiu o Premio Lazarillo en 2018 pola súa obra "Un fuego rojo", ou o Premio Xaén de Literatura Xuvenil polo libro "Tú tan cáncer y yo tan virgo".

14 de set. de 2024

ABALARMÓBIL PARA AS FAMILIAS


A Xunta de Galicia, coa finalidade de aumentar o acercamento entre o profesorado e as familias, puxo en marcha "AbalarMóbil".
Trátase dunha aplicación que permite ás familias:
  • Acceder aos datos persoais.
  • Consultar as cualificacións.
  • Consultar e xustificar as faltas de asistencia.
  • Consultar as faltas de conduta.
  • Solicitar ou cancelar unha cita de titoría.
  • Consultar avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo.
Pódese instalar tanto no teléfono móbil como nunha tablet dende Apple store (se o sistema operativo é IOS) ou dende Play Store (se o sistema operativo é Android). 
Para acceder aos datos do alumno/a é necesario que o número de teléfono dende o que se usa a aplicación estea rexistrado no seu expediente do XADE (deberán preguntar no centro se non están seguros).
Vídeo titorial

Toda a información está na web "espazoAbalar".

12 de set. de 2024

CALENDARIO ESCOLAR 2024-2025

E aínda que non rematamos o 23-24, xa podedes descargar os calendarios escolares do 24-25, o anual ou os mensuais, coas festas do noso Concello.

PREMIO NACIONAL DE ILUSTRACIÓN, 2024

Josep Montserrat Morais, Pep Montserrat, foi galardoado co Premio Nacional de Ilustración 2024 pola súa mestría técnica, a súa versatilidade e apertura cara a diversos campos da ilustración gráfica que lle fixeron un “referente indiscutible para numerosos profesionais”, segundo indicou o xurado.


Pep Montserrat (Monistrol de Montserrat, Barcelona, 1966) desenvolve a súa carreira tanto en España como a nivel internacional e combina o labor artístico coa docencia. Foi recoñecido tamén en 1995 polo Ministerio de Cultura cun galardón ás Mellores Ilustracións de Libros Infantís e Xuvenís. Tamén ten no seu haber o premio Catalónia en 1997 e o premio Junceda de Ilustración en dúas ocasións, en 2004 e 2008.