20 novembro 2025

MÚSICA E NOVAS TECNOLOXÍAS

Guiados polo profesor Didier Díaz Magan, os alumnos de 3° ESO ahegáronse ás novas tecnoloxías en música, mesturando as pistas de música electrónica a través dunha aplicación.
Xa temos DJ na Cañiza!

16 novembro 2025

25 N

Polos creativos colaboran cos clubs de lectura no deseño e creación de pulseiras. Coa súa venda, conseguirán unha axuda para a excursión de fin de curso.

OCHO SEÑALES, NOELIA MÍGUEZ

 

Un ano máis, o alumnado de 3º tivo a oportunidade de escoitar a Noelia Míguez. A autora presenta Ocho señales, un relato autobiográfico que detalla a relación de abuso, psicolóxico e físico, que case lle custa a vida.

Noelia, a través do libro, busca concienciar á sociedade sobre a violencia de xénero, para que poidamos recoñecer os sinais de alerta nas relacións abusivas.


10 novembro 2025

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Neste espazo ofrecemos elementos motivadores cos que debatir e sensibilizar e, ademais, un banco de recursos. 
É importante detectar a desigualdade para loitar contra ela; só educando en igualdade a homes e mulleres estaremos contribuíndo a reducir e eliminar a secuela da violencia de xénero.
1.- Campaña do 2025 contra a violencia vicaria, de Igualdade.
2.- "Vestida así, normal que..." recuperamos unha campaña da BBC, na que esta frase é un claro reflexo da cultura da culpa que se impón sobre as mulleres pola súa forma de vestir.
3.- "El bello Rafa Nadal", de Barbijaputa para el diario.es
Recuperamos un artigo publicado no 2016 no que a autora utiliza a forma de falar e escribir que se emprega con frecuencia para falar das mulleres deportistas.
4.- Videopoema "Inagotables" do libro Asíntota de Carlos Miguel Cortés.
5.- ¡Qué niña tan bonita!
Curta de Alicia Ródenas con texto de Ro de la Torre coa que se presentou á sétima edición do concurso de curtas do instituto Diego Siloé de Albacete.
Ao longo do vídeo, a moza le cen frases ás que cada muller está exposta desde a súa nenez; entre outras: "Se te ven xogar cos mozos chamaranche marimacho" ou "Non sexas tan bruta xogando, pareces un neno".
 
6.- Sexismo no deporte
"Poderías dar unha volta para nós e dicirnos algo sobre o teu vestiario?" Esta é unha de tantas preguntas que os xornalistas deportivos lles fan ás atletas e que recolle a campaña #CovertheAtlete.
Pois ben, como reaccionarían eles de seren tratados do mesmo xeito?
7.- As nenas poden
Campaña que nos invita a todos para que a igualdade desde a infancia sexa un obxectivo prioritario.
8.- De par... en par
Trátase da campaña do SAAMA (Servizo de Apoio e Atención contra o Machismo). Cos textos de Neus Nebón  e as ilustracións de Tania Acuña, este vídeo serve como test a todas esas condutas do día a día que forman parte da pirámide machista que remata na violencia contra as mulleres.
9.- Como actuamos ante a violencia machista?
Todo o mundo rexeita, sen ningún tipo de paliativos, a violencia contra as mulleres. Pero, que acontece cando somos testemuñas en primeira persoa deste tipo de agresións?

A compañía sueca STHLM Panda decidiu comprobar a reacción da xente ante a violencia de xénero. Cunha cámara oculta instalada nun ascensor, un home ameaza e agride a súa suposta parella, ante unha testemuña.
Abonda con ver o vídeo para comprobar que, aínda que a opinión e actitude da maioría cidadá é totalmente contraria a este tipo de violencia, á hora da verdade, non se actúa en consecuencia. Só unha das 53 vítimas da cámara oculta reacciona ante a agresión.
Na biblioteca, ese día, con marcapáxinas, música, libros e audiovisuais intentaremos sensibilizar, previr ou detectar situacións de risco.