Mañá, día 12 do 12 do 2012, ás 12 da mañá, o alumnado de 1º de ESO participará no acto colectivo do recitado público do poema "Deitado frente ao mar" co que a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) se suma ao centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro.
Deitado frente ao mar
Lingua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gana;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas decotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...
Ningún comentario:
Publicar un comentario