O alumnado de 1º da ESO cambiamos hoxe, mércores 21 de febreiro, as aulas por un museo. Á primeira hora estabamos todas e todos puntualiños para iniciar a viaxe, que se fixo en autobús. Collemos rumbo á cidade de Vigo para descubrir o MUSEO LISTE.
Segundo nos explicaron, o Sr Olimpio Liste era un mestre apaixonado polas cousas antigas de tal maneira que montou primeiro un museo en Oseira, ao carón do famoso mosteiro, e mais tarde o museo etnográfico de Vigo, sito nun antigo chalé na zona da Praza de América.
Pois alí recibiunos todo o equipo que o xestiona. Os profes organizáronnos en dous grupos e as guías leváronnos polo museo, explicándonos un non acabar de historias relativas a todos eses obxectos, algúsn coñecidos outros extrañísimos; como eran os tecidos, como se fiaba e tecía, as supersticións, os oficios tradicionais...
Ao remate tivemos un tempo para explorar o parque que hai ao redor do museo e tomar a parva de mediamañá. De volta ao edifício, sentamos no chan para escoitar a Erika e os seus "instrumentos" unha chea de "chirimbolos" do máis variado (canas, potas, louza, añas, chaves...) que a xente aproveitaba para facer música e festa. Erika, a monitora, convidounos a cantar e... non o fixemos tan mal! mesmo houbo quen se animou a acompañala coa pandeireta (grande, Hugo!) Ao remate entregáronnos unha media casca de noz, un fío e un pauciño para poder facer cadaquén o seu "instrumento humilde".
Non só o pasamos xenial e nos portamos ben, senón que tamén aprendemos unha chea de cousas relativas á nosa cultura e ao noso pasado máis recente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario