A chuvia non foi convidada, pero tampouco estragou nada. O alumnado do IES de Ribadavia e do CPI da Cañiza chegou a Melón cunha axenda cargada e saíu de alí coa cabeza chea de imaxes, de conversas e desa satisfacción rara que dá facer algo que vale a pena.
A excursión arrancou cunha camiñata polos montes de Quins, onde o rastro do incendio do verán pasado aínda está moi presente. Hectáreas de árbores calcinadas que o alumnado captou coas súas cámaras para o documental audiovisual que están a elaborar conxuntamente sobre os incendios forestais na contorna.
Un dos momentos máis valorados da xornada foi a entrevista cos axentes forestais da zona, que lles explicaron de primeira man as causas, as consecuencias e os traballos de recuperación en marcha. Material de primeiro nivel para o documental.
O alumnado tamén arremangou e puxo mans á obra: plantaron árbores na zona afectada, leron un manifesto en defensa dos bosques e fixeron entrega dunha placa ao alcalde de Melón como recoñecemento ao traballo de recuperación do municipio. Outro dos traballos preparados foi a construción e colocación dunha casiña para paxariños, contribuíndo á recuperación da fauna local nunha zona onde o equilibrio ecolóxico quedou alterado polo lume.
Finalmente, despois dun bo xantar para repor forzas, a xornada tivo un remate diferente: varias alumnas convertéronse en guías e lideraron unha visita ao mosteiro de Melón, explicando a orixe, a estrutura e as partes dunha das construcións románicas máis importantes de Galicia.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario