07 outubro 2014

PREMIO NACIONAL DE NARRATIVA 2014

O valenciano Rafael Chirbes foi o galardoado co premio Nacional de Narrativa 2014 por En la orilla.
Segundo o xurado, trátase dunha novela "de extraordinaria construción literaria, que tratando da realidade actual, non se limita ao realismo, mostrando unha riqueza formal e recursos poéticos que o transcenden."
O premio, dotado con 20.000 euros, concédeo o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, para distinguir unha obra escrita en calquera das linguas oficiais durante 2013.

03 outubro 2014

LIBROS DO MES

BASES CONCURSO LIBRO DO MES

Louise C Bergeron
  1. Poderán participar os alumnos de todos os cursos de ESO. 
  2. A primeiros de cada mes anunciarase o libro obxecto do concurso. Este poderá estar escrito en galego ou en castelán, ou, se así se especifica, en ámbalas dúas linguas. 
  3. Os participantes deberán ler o libro e contestar a unhas preguntas que se farán públicas, na biblioteca e no blog, a mediados de mes. 
  4. Quen responda correctamente a todas as preguntas será o gañador. Se houbese máis dunha persoa que respondese correctamente a todas as preguntas, gañará quen entregue as respostas en primeiro lugar. De persistir o empate faríase un sorteo xa que só pode haber un gañador, agás que o equipo da biblioteca decida, excepcionalmente, que poida haber máis dun. 
  5. Cada concursante só poderá presentar unha batería de respostas. 
  6. As respostas entregaranse na biblioteca, ao profesorado responsable. 
  7. Se ninguén respondese correctamente a todas as preguntas, o concurso quedará deserto, é dicir non haberá gañador/a. 
  8. O profesorado que conforma o equipo da Biblioteca será o encargado de levar a cabo o concurso.
NOTA: Se tes dúbidas consulta con calquera dos profesores/as do equipo da biblioteca.
ANÍMATE... E PARTICIPA. LER PAGA A PENA

01 outubro 2014

E-READER

Contamos tamén con dispositivos de lectura electrónica (E-reader) que calquera membro da comunidade pode levar. Teredes que solicitalos na biblioteca e precisamos a autorización das familias.

29 setembro 2014

PARABÉNS MAFALDA

Hoxe, 29 de setembro, Mafalda cumpre 50 anos. Cal será o mellor agasallo? Unha cunca de sopa?
E aquí a homenaxe que, a ela e a Quino, lle fai o debuxante Luís Davila coa súa "Mafaldora desbrosadora".

26 setembro 2014

NOVIDADES


Curso novo, normas novas.
Atentos á devolución do material nos prazos fixados!!! Sabedes que perseguimos ao morosos.

25 setembro 2014

XA ESTAMOS!


E, como non, coas baterías cargadas.
Por iso queremos promocionar a nosa "hora de ler", cun vídeo que alumnos de 1º fixeron co profesor de Lingua Galega, Xabier.
Seremos capaces de facer este ano algo similar? Animádesvos a participar?

24 xuño 2014

LOGO NOS VEMOS!!!

Estamos de despedida e, coma sempre, desexámosvos un verán cheo de diversións e boas lecturas.
En setembro volvemos!!!

AVALIAMOS A HORA DE LER E O PROXECTO LECTOR

Durante o mes de maio, profesores e alumnos fixemos unhas enquisas na que se pedía avaliásemos a hora de ler e o Proxecto Lector.





E aquí están outros resultados en gráficas.

06 xuño 2014

Conferencia de Vicente Feijoo sobre a Toponimia

De ríos e fontes, regatos e muíños, montes e pedras, vilas e aldeas, dos seus nomes, da súa relación eterna coas persoas que os nomearan en tempos remotos que por sorte algúns procuran non esquecer. Diso e moito máis versou a conferencia-coloquio que Vicente Feijoo Ares, responsable da Comisión de Onomástica-Toponimia da Real Academia Galega , impartiu no noso centro no marco das actividades relativas ao proxecto interdisciplinario sobre a novela galega Dragal.

 Vicente transmitiu a idea da toponimia como algo vivo, cotián, sempre presente nas nosas vidas, que, lonxe de estar afastado ou recluído en volumes antigos de escuras bibliotecas, podemos aínda escoitar na fala dos nosos pais e avós, outorgándolle así renovada vixencia ou no peor dos casos  tentando que non esmoreza ese vasto patrimonio cultural. Na súa charla, Vicente, ademais da abundante documentación achegada sobre a nosa zona (o proxecto coordinado por el, aínda incompleto, de preto de medio millón  de microtopónimos galegos non ten precedentes), conseguiu crear un agradábel clima de interacción cos alumnos, que participaron animadamente facendo preguntas e observacións.

Un escenario favorábel, vivo e apaixonante, que contrasta co escaso interese que as persoas encargadas de manexar os investimentos públicos en materia de cultura  semellan ter pola defensa da lingua e polos lugares que habitamos.