Hoxe tócalle á profesora de matemáticas, Silvia. Será a que presente Dixit durante o primeiro recreo.
Un dos xogadores fai de contacontos en cada un das quendas. Observa as súas 6 cartas da man e, dunha delas, debe construír unha frase e dicila en voz alta (sen mostrar a carta aos outros xogadores).
A frase pode construírse de varias formas: pode estar feita dunha ou máis palabras, e mesmo pode ser un son. A frase pode ser inventada ou pode estar inspirada na poesía, literatura, cinema, etc.
O resto de xogadores seleccionará de entre as súas cartas a que mellor se adapte á frase construída polo contacontos. Entón, cada xogador dálle a carta elixida ao contacontos sen que os demais xogadores poidan vela.
O contacontos baralla a súa carta coas que recibiu dos outros xogadores e colócaas aleatoriamente boca arriba na mesa. O obxectivo dos xogadores é adiviñar cal das cartas é a que o contacontos usou para construír a súa frase. Cada xogador vota de forma secreta a carta que cre que pertence ao contacontos (o contacontos non pode votar).
Para iso, coloca boca abaixo fronte a el a ficha de voto correspondente ao número da carta elixida. Unha vez que todos os xogadores votaron, dáse a volta ás fichas de voto e colócanse nas cartas correspondentes.
Puntuación
- Se todos os xogadores acertan a carta do contacontos, ou se ningún xogador a acerta, todos os xogadores excepto o contacontos gañan 2 puntos.
- En calquera outro caso, tanto o contacontos como os xogadores que acertasen, obteñen 3 puntos.
- Todos os xogadores, excepto o contacontos, gañan un punto por cada voto que reciba a súa carta.
Os xogadores avanzan o seu coello pola escala de puntuación un número de espazos igual aos puntos que obtiveron.
Cada xogador rouba cartas ata ter 6 na súa man. Agora o contacontos será outro
O xogo termina cando se rouba a última carta. O xogador que máis lonxe chegase na escala de puntuación é o gañador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario