28 de out. de 2013

PREMIO PRÍNCIPE DE ASTURIAS DAS LETRAS 2013

Antonio Muñoz Molina, escritor e académico é un dos grandes novelistas en lingua castelá, un intelectual comprometido e un observador crítico.
Os seus primeiros escritos foron artigos xornalísticos que recolleu en El Robinsón urbano. Na súa primeira novela, Beatus ille xa aparece a súa cidade imaxinaria, Máxina, que se convertirá nun lugar común nas súas obras sucesivas. El invierno en Lisboa mereceu o Premio da Crítica e o Nacional de Narrativa, que volveu recibir no 1992 por El jinete polaco (Premio Planeta, 1991).
A obra de Muñoz Molina móvese nos territorios da memoria tratando de reconstruír a recente historia de España coa mirada do que se sinte deudor do cine negro e a novela policíaca.

27 de out. de 2013

PREMIO NACIONAL DE NARRATIVA 2013

José María Merino obtén con El río del Edén o Premio Nacional de Narrativa, concedido polo Ministerio de Cultura, Educación e Deporte. O premio, dotado con 20.000 €, recoñece a mellor obra de narrativa publicada en España neste ano.
O xurado destaca que "na obra o autor adopta unha segunda voz autorreflexiva para dar vida a un microcosmos familiar, que xira en torno a un neno con minusvalidez e ás crises que a súa aparición provoca na vida familiar. Constitúe unha obra tecnicamente arriscada como ben resolta, que vai adquirindo tensión a medida que avanza o relato e os problemas cruciais da cal, como o dereito a unha morte digna, se atopan perfectamente expostos".

26 de out. de 2013

DRAGAL NO PROXECTO INTERDISCIPLINAR





Unha estraña presenza estamos a notar no colexio; realidade e fantasía conxúganse nun universo particular que encerra numerosos segredos.
Serán os alumnos de 1º? Chegaría con eles a comezo do curso? Acompañaraos durante todo o ano? Terán algo que ver Luz de Galego, Carme, Pablo, Xabier ou Laura de Plástica?


Desvelemos o segredo. Durante este curso, o Proxecto Interdisciplinar de 1º da ESO estará protagonizado por Dragal I - A herdanza, de Elena Gallego.
E xa observamos o seu impacto: dragóns no vestíbulo, pegadas nas aulas, labaradas... e conforme avance o curso todo irá a máis. Chegaremos a queimarnos?
Pero non somos os únicos! O universo estase a "dragalizar" e a obra salta ao cinema, ao cómic e aos videoxogos. A fínais deste ano as novelas gráficas chegarán ás librarías, en 2014 poderemos ver o filme e en 2015 Dragal será un videoxogo.
E témololo na biblioteca! Non quedes sen el!

24 de out. de 2013

OS CLUBES DE LECTURA

Este será o noso quinto ano co club de lectura, pero non está de máis revisar alguns aspectos que nos axudarán a levalo adiante.
Nesta presentación que atopamos no blog Medrando entre andeis podemos coñecer as ideas fundamentais de Dime, de Aidan Chambers, unha obra básica para abordar un Club de lectura con garantías de éxito.

GÚSTANOS O GALEGO DE PRIMEIRA

Aos xogadores do Celta gústalles o galego de primeira! E a nós tamén. Míraos.

Se iso é así, os carnés, as taquillas, as informacións do club... tamén serán en galego, non si?

17 de out. de 2013

PREMIO CASTELAO DE BANDA DESEÑADA

Catálogo oneroso de beleza gratuíta de Fran Bueno acaba de facerse co Premio Castelao de Banda Deseñada.
     
Neste traballo, o autor ofrece unha lista das cousas que lle gustan na vida, en forma de catálogo. Fala de cousas como o sol, a lúa e as estrelas, elementos que non hai que pagar por eles e que, moitas veces, paga a pena pararse e admiralos.

LIBROS DO MES DE OUTUBRO

               1º e 2º de ESO             3º e 4º ESO
Descargar preguntas:

16 de out. de 2013

PREMIO PLANETA DE NOVELA 2013

Un ano máis Barcelona viviu unha gran noite literaria coa tradicional cea que anuncia o gañador e finalista da 62 edición dos Premios Planeta.
Dos 478 exemplares presentados, o xurado seleccionou aos 10 candidatos. E, desta selección, saíron:
A gañadora: Clara Sánchez con 'El cielo ha vuelto'
A finalista: Ángeles González-Sinde con 'El buen hijo'

15 de out. de 2013

CÉSAR MALLORQUÍ, PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL Y JUVENIL

César Mallorquí (Barcelona, 1953) obtivo este martes o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola súa obra A illa de Bowen, que o xurado considerou como un "canto á aventura e unha homenaxe á literatura clásica, escrita con paixón, amenidade, humor e intelixencia". Segundo comentou o propio autor, "é unha recreación da novela clásica de aventuras", inspirada na figura de Xulio Verne.
A historia desenvólvese en 1920 e nesta aparecen unhas estrañas reliquias no interior dunha vella cripta medieval que levan ao profesor Ulises Zarco a embarcarse nunha ventura inimaxinable a bordo do buque Saint Michel, no que percorrerán Inglaterra, Noruega e outros países para afrontar o misterio que envolve á illa de Bowen, máis alá do Círculo Polar Ártico.

11 de out. de 2013

BIBLIOTECAS ESCOLARES... MOITO POR FACER

Un notable avance da presenza das bibliotecas escolares no sistema educativo español é o que se reflicte no estudo "As bibliotecas escolares en España. Dinámicas 2005-2011" que foi presentado na Casa do Lector, o centro da Fundación Germán Sánchez Rupérez en Madrid.
Os puntos máis destacados do progreso que experimentaron as bibliotecas escolares neste período son:
  • As bibliotecas escolares estanse a integrar na DINÁMICA PEDAGÓXICA DOS CENTROS: participan nos proxectos do centro, apoian docentes e estudantes nas súas actividades de investigación documental ou promoven actividades formativas de distinto tipo... pero parece necesario lograr unha maior coordinación cos PLANS DE LECTURA Y ESCRITURA de centro, como marco de traballo compartido polo equipo docente.
  • A FORMACIÓN DO RESPONSABLE mellorou en coñecementos sobre lectura e literatura infantil e xuvenil, biblioteconomía, uso de internet... pero globalmente diminuíron as súas HORAS DE DEDICACIÓN á biblioteca.
  • As bibliotecas están máis PROFESIONALIZADAS: contan cun plan de traballo que se avalía periodicamente, teñen tratamento técnico normalizado... pero necesítase afondar no traballo da biblioteca concibida como o CENTRO PARA A APRENDIZAXE POR COMPETENCIAS.
  • As bibliotecas dispoñen de máis RECURSOS para adquirir fondos e enriquecer a colección... aínda que o volume e a composición da colección seguen estando moi afastados das RECOMENDACIÓNS INTERNACIONAIS de IFLA.
  • As bibliotecas escolares están máis orientadas ás TIC... pero é prioritario afondar na coordinación cos proxectos TIC e, especificamente, na ALFABETIZACIÓN DIXITAL E EN INFORMACIÓN como labor da biblioteca.
  • Contan con máis RECURSOS TECNOLÓXICOS (como blog, web ou presenza en redes sociais) empregados principalmente como un ámbito de difusión e participación... pero o seu uso non está plenamente integrado nos procesos de ensino e APRENDIZAXE (plataformas de e-learning, ferramentas para crear, publicar e compartir,...).
  • Son cada vez máis activas no desenvolvemento de COMPETENCIAS EN LECTURA Y ESCRITURA, mediante a creación de materiais impresos e electrónicos (guías, blogs...), o aproveitamento das redes sociais para crear grupos de interese ou a implicación da comunidade escolar nestas actividades... aínda que Lingua e Literatura segue sendo a área prioritaria e necesítase unha maior vinculación co conxunto do CURRÍCULO escolar.
  • As bibliotecas son máis VISIBLES dentro e fóra do centro: están presentes nos Claustros, aparecen na documentación oficial, móstranse na xornada de portas abertas, manteñen un web ou blog... pero bótase en falta unha maior participación das FAMILIAS nos órganos de coordinación ou nas actividades e dinámicas da biblioteca.
  • Dende 2005, recibíronse ACHEGAS ECONÓMICAS (ordinarias e extraordinarias) que tiveron un impacto nas infraestruturas, na colección e nas dinámicas de uso... pero a SOSTENIBILIDADE do proxecto non está garantida.
O informe está dispoñible aquí.

10 de out. de 2013

QUEN É ALICE MUNRO?

Alice Munro é a Nobel de Literatura 2013. Unha escritora canadense premiada, segundo anunciou hoxe a Academia Sueca, pola súa "mestría no relato contemporáneo".

Munro naceu en Winham, unha localidade da provincia de Ontario, o 10 de xullo de 1931. Aínda que escribía dende a súa adolescencia, o seu primeiro libro non foi publicado ata 1968, cando ela tiña 37 anos. Tratábase da colección de contos Dance of the Happy Shades. Despois chegaron outras obras como a exitosa colección de historias titulada A vida das mulleres (Lives of Girls and Women, 1971), As lúas de Xúpiter (The Moons of Jupiter, 1982), Escapada (Runaway, 2004), A vista dende Castle Rock (The View from Castle Rock, 2006), Demasiada Felicidade (Too Much Happiness, 2009) e Mi vida querida (Dear Life, 2012).
Podemos ler unha entrevista á autora e o seu relato Voces en El Cultural.
Incluso podemos descargar o seu relato Radicales Libres.

PREMIO NACIONAL DE POESÍA 2013

Manuel Álvarez Torneiro acaba de conseguir o Premio Nacional de Poesía co seu libro Os ángulos da brasa editado por Factoría K.

Dividida en tres partes: ‘Trama de vida’, ‘Terreal e sagrado’e ‘Tapiz de cinsa’, este poemario presenta 67 composicións poéticas que botan unha ollada reflexiva sobre a cotidianeidade, que comparten emocións íntimas e xogan coa dimensión simbólica da palabra.

Aquí podemos ler un adianto:

Fonte: Rede lectura

PREMIO IBEROAMERICANO SM DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL

Jordi Sierra i Fabra foi o gañador do IX Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil por unha obra que "destaca a súa vontade renovadora, o seu incansable creatividade e a súa desbordante versatilidade", anunciou o xurado.
Sierra i Fabra, quen comezou escribir aos oito anos e aos doce rematou a súa primeira novela, é un dos autores españois máis recoñecidos de literatura xuvenil, con máis de 400 obras publicadas e numerosos galardóns, entre eles o Premio Cervantes Chico por toda a súa carreira literaria.
O galardón, fundado en 2005 para impulsar a literatura infantil e xuvenil, é convocado por varias institucións, entre elas a Fundación SM, o Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe, e a Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura.
Comproba aquí todo o que temos na biblioteca deste autor. Algún seguro que che ha gustar.

XOGOS EDUCATIVOS INFANTIL/PRIMARIA

Familia y cole é un blog educativo para pais e mestres onde podemos atopar unha selección de xogos educativos para Infantil e para Primaria nos que traballar diferentes contidos, tanto na casa como na aula: vocabulario, memoria, conteo, letras, música, memoria, cálculo mental, ortografía, música etc.

LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR


Con esta ilustración de Patricia Castelao, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica cada ano uns carteis divulgativos para conmemorar o Día da Biblioteca (24 de outubro) e participar da celebración do mes da biblioteca escolar que propón a IASL (Internatioanl Association of School Librarianship).
No contexto das actuacións do PLAN LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) o lema elixido para este curso: LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR, trata de sensibilizar sobre a importancia da lectura de textos de carácter científico, de textos divulgativos ou de textos literarios que tratan temas relacionados coa ciencia.

1 de out. de 2013

PASAPORTE LECTOR

PASE AO LIBERESPAZO
O ilustrador Andrés Meixide deseñou este "pase ao liberespazo" que recollerá as vosas “viaxes” polos libros. A biblioteca, co visado final, dará fe para acadar a categoría de “libernautas” con dereito propio a viaxar libremente polo "liberespazo".
A dinámica é moi sinxela; anotade nel todas as obras que vaiades lendo ao longo do curso, recollede o que máis vos gustou e, por último, valorádeo.
Unha vez cuberto entregádeo na Biblioteca para que volo visen. Cantos máis visados consigades, máis oportunidades teredes de lograr un agasallo.
Solicitade o voso na biblio!