Juan Kruz Igerabide foi o escritor galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2018 pola súa obra Abezedario titirijario (traducido ao castelán como Abecedario titiridario). O xurado decidiu premiar ao autor e a súa obra “pola mestría no uso dunha linguaxe poética que se nutre da aliteración, do humor, do absurdo, da fantasía e dos ecos da tradición oral vasca”.
A obra, escrita en euskera co título orixinal Abezedario titirijario. Letren txotxongiloa, xa foi traducida ao galego (Abecedario monicredario) e ao castelán (Abecedario titiridario).
O galardón concédeo o Ministerio de Cultura e Deporte para distinguir unha obra de autor español, escrita en calquera das linguas oficiais nacionais e editada no noso país durante o pasado ano 2017.
Kruz Igerabide é autor de literatura infantil e xuvenil, tradutor e poeta. En 1995 comezou a publicar poesía para público infantil, con obras como Haur korapiloak (Trabalinguas para nenos), Botoi bat bezala (Como un botón), Mintzo naiz isilik (Aos teus ollos a miña voz) ou Munduko ibaien poemak (Poemas para os ríos do mundo). Tamén escribiu poesía para mozos, como Kartapazioko poemak e Hosto gorri, hosto berde (Folla vermella, folla verde), e narrativa, como as novelas Helena eta arrastiria (Helena e o sol poñente) e Bosniara nahi (Volver a Bosnia). En narrativa infantil escribiu máis dunha vintena de contos, como a serie protagonizada por Jonas, que comezou con Jonas eta hozkailu beldurtia (Jonás e o frigorífico medroso).