Este é o lema deste curso 2020-21 para os materiais que a Consellería de CEOU edita para a Biblioteca escolar. Con el convidamos a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros...
A ilustradora encargada este ano de interpretar o lema elixido foi Bea Lema, quen nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír.