30 de dec. de 2024

PALABRA DO ANO, 2024

Cantareira impúxose, na votación popular, cando está a piques de comezar o ano no que Galicia enteira lles ha render homenaxe ás mulleres que, ao longo dos séculos, mantiveron vivo, transmitiron e arrequeceron o cancioneiro popular e o idioma do país.
A palabra cantareira(s) designa as protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, festa que a Real Academia Galega dedicará á poesía popular oral e ás mulleres que cantan e crean cantigas.

22 de dec. de 2024

PALABRA DO ANO, 2024

A Fundación do Español Urxente (FundéuRAE), promovida pola Real Academia Española e a Axencia EFE, escolleu a palabra do ano 2024.

20 de dec. de 2024

NADAL, 2024

Despedimos o trimestre con deporte, obradoiros de plástica, karaoke, baile e actuacións do coro do centro. Podedes vernos entrando na imaxe.

Aproveitamos, ademais, para desexar BO NADAL a toda a comunidade educativa.

16 de dec. de 2024

PALABRA DO ANO, 2024

 Xa podemos elixir

Estas son as voces finalistas (ningunha das nosas) que optan a se converter na Palabra do Ano 2024. A votación vía telemática estará accesible no Portal das Palabras.

PORTA BIBLIO E DECORACIÓN NADAL 2024

Celia, Ainara e Pablo (1º B e C) xa realizaron o proxecto gañador. Non saíu nada mal.
Ademais, o centro vestiuse de Nadal grazas a labor de Tecnoloxía, Plástica e titorías. Entrade na imaxe.

15 de dec. de 2024

PALABRA DO ANO, 2024


Xa temos candidatas a palabra do ano da FundéuRAE

CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA, 2025

Este é o calendario 2025, coas datas máis salientables arredor do libro e da lectura. Entre outras conmemoracións, celebramos o Día da Ilustración (30 de xaneiro), homenaxeando a Xosé Vizoso; o Día das Letras Galegas (17 de maio), centrado no Cancioneiro popular galego; ou o Día da Lectura (3 de novembro), coincidindo co aniversario do nacemento de Xosé Neira Vilas. Como novidades deste ano:
  • 7 de xaneiro: 75 anos sen Alfonso Rodríguez Castelao
  • 17 de outubro: Día do patrimonio inmaterial
  • 27 de outubro: Día da corrección de textos

5 de dec. de 2024

PORTA 2024

Despois dunha primeira fase, foron elixidos cinco proxectos e, de entre estes, saíu o gañador.
Agardamos á realización. A ver como queda!
Celia, Pablo e Ainara (1º B + 1º C)

GAÑADORES 25N

Das creacións do alumnado, pasaron a criba nove e, delas, a gañadora foi esta. Todas recibirán un agasallo.

29 de nov. de 2024

CALENDARIO DE ADVENTO, 2024

Temos, este ano, un calendario ben orixinal.
Un agasallo, ciberseguro, do alumnado de Dixitalización de 4º ESO e de Educación Dixital de 3º.
Crean para cada día un consello en formato vídeo animado. Protexerémonos con eles!

26 de nov. de 2024

25N, 2024

Xa podemos ver as creacións do alumnado de Plástica e as montaxes realizadas con bolboretas que conmemoraban este día.

ELIXIMOS A PALABRA DO ANO 2024

No Portal das palabras, nestes últimos anos, vense decidindo, colectivamente, cal é a palabra que identifica o ano que remata e resume todo canto vivimos, bo ou malo.

E aquí entramos nós. Queremos colaborar nesa escolla.

  1. En cada titoría elixiremos a palabra que mellor represente o ano 2024. Podemos pedirlle ao alumnado que traia propostas que logo defenderá e serán votadas. Axudarán na escolla a información do propio Portal das palabras, os datos do noso blog e a labor da FundéuRAE na busca da palabra do ano en español.
  2. A palabra elixida recollémola na táboa da sala de profesores; así evitaremos que se repitan.
  3. Despois presentaremos as nosas propostas cando, dende o Portal, abran a posibilidade e votaremos, individualmente, pola que cadaquén considere mellor.
  4. Prazo: ata o 5 de decembro.

CONSTITUCIÓN E ESTATUTO DE AUTONOMÍA, semana do 6 de decembro

CONSTITUCIÓN E ESTATUTO DE AUTONOMÍA, semana do 6 de decembro

Outros recursos para conmemorar esta data:
  • Taller literario. Despois de analizar anuncios publicitarios moi coñecidos, respondede:
    • Onde está a clave do seu éxito?
    • Que tópicos recollen? Serven para caracterizarnos polo mundo adiante?
    • Que aspectos nos fan sentir orgullosos de ser galegos? Cales non?




  • Análise de estereotipos e posibilidade de crear un mapa similar que recolla a idea que temos de nós mesmos e dos demais. Podemos tomar como punto de partida 13 estereotipos dos españoles... de El Huffington Post.
Un mapa que, con escaso rigor científico e/ou etnográfico, recolle o que pensan os nosos veciños de nós. Acaso terán razón?

MUDEMOS O RUMBO

O centro acolle novos murais da man do equipo de Dinamización da Lingua Galega.
Os resultados das últimas enquisas do Instituto Galego de Estatística (IGE), fan necesarias actuacións como esta.



23 de nov. de 2024

CONCURSO NADAL

  DECORAMOS A PORTA DA BIBLIOTECA
Ao igual que fixemos en cursos pasados, queremos decorar a porta da biblioteca para o Nadal coa vosa colaboración.
Bases:
  • Participantes: a participación será individual ou en grupo (máximo 4 persoas).
  • Prazo: a data límite para entregar o proxecto será o 4 de decembro ás 14:30 horas.
  • Tema: o Nadal. 
  • Procedemento: realizarase o deseño nun folio no que, ademais, se expliquen os materiais empregados na súa realización. Lembrade que ha de ser papel, cartón, cinta, algodón, ou calquera material fácil de conseguir e económico.
  • Xurado composto por:
  • Un membro do equipo da biblioteca.
  • Un membro do Equipo Directivo.
  • O profesor de Educación Plástica e outro profesor/a do centro.
  • Un delegado ou subdelegado elixido de entre os non participantes.
  • Gañador: elixirase un único premiado de entre todos os traballos presentados. 
  • Premios:
  • Realización do deseño na porta da biblioteca.
  • Un vale para material escolar nunha librería do pobo.

 Aquí tedes algún modelo:

GAÑADORA 2022

GAÑADORA 2022

GAÑADORA 2020
GAÑADORA 2019

Gañadora 2018
Gañadora 2017
Gañadora 2016

12 de nov. de 2024

GAÑADORES RELATO SAMAÍN, 2024

Xa temos os gañadores do concurso de relatos de terror.

PREMIO CERVANTES, 2024

O escritor Álvaro Pombo (Santander, 85 anos) é o Premio Cervantes 2024. O filósofo, poeta e académico da Real Academia Española desde fai vinte anos, recibiu o recoñecemento pola súa «extraordinaria personalidade creadora, a súa lírica singular e a súa orixinal narración», ademais da súa «notabilísimo nivel como poeta e ensaísta, ao que se une ser un dos grandes novelistas do español». 

Autor de "El héroe de las mansardas de Mansard" ou "Donde las mujeres", entre outras, recibiu ao longo da súa traxectoria o Premio Nacional da Crítica en 1990, o Premio Nacional de Narrativa en 1997, o Premio Planeta no 2006 por "La fortuna de Matilda Turpin" ou o Premio Nadal no 2012 por "El temblor del héroe".

Pombo, que define o seu método literario como «psicoloxía-ficción», estreouse no mundo da literatura con "Protocolos", obra que publicou con 34 anos. Despois chegaron novelas como "El parecido", "El hijo adoptivo", "Relatos sobre la falta de sustancia", "El metro de platino iridiado" o "El exclaustrado".

11 de nov. de 2024

MAGOSTO, 2024

Castañas, xogos populares, chocolate, festa holi e, sobre todo... CONVIVENCIA.
Pasámolo moi ben; picade na foto para vernos.
Grazas a todos os que o fixestes posible (un hurra por Nico de 1º B e por todos os de 4º). Elena xa está preparando a seguinte!!!!

6 de nov. de 2024

25N, 2024

25N, 2024 de MEPP

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Neste espazo ofrecemos elementos motivadores cos que debatir e sensibilizar e, ademais, un banco de recursos. 
É importante detectar a desigualdade para loitar contra ela; só educando en igualdade a homes e mulleres estaremos contribuíndo a reducir e eliminar a secuela da violencia de xénero.
1.- "El bello Rafa Nadal", de Barbijaputa para el diario.es
Recuperamos un artigo publicado no 2016 no que a autora utiliza a forma de falar e escribir que se emprega con frecuencia para falar das mulleres deportistas.
2.- Videopoema "Inagotables" do libro Asíntota de Carlos Miguel Cortés.
Tamén podemos escoitar a versión que, no seu día, fixo o noso profe de galego Dario DK para o CPI de Mondariz.
3.- ¡Qué niña tan bonita!
Curta de Alicia Ródenas con texto de Ro de la Torre coa que se presentou á sétima edición do concurso de curtas do instituto Diego Siloé de Albacete.
Ao longo do vídeo, a moza le cen frases ás que cada muller está exposta desde a súa nenez; entre outras: "Se te ven xogar cos mozos chamaranche marimacho" ou "Non sexas tan bruta xogando, pareces un neno".
 
4.- Sexismo no deporte
"Poderías dar unha volta para nós e dicirnos algo sobre o teu vestiario?" Esta é unha de tantas preguntas que os xornalistas deportivos lles fan ás atletas e que recolle a campaña #CovertheAtlete.
Pois ben, como reaccionarían eles de seren tratados do mesmo xeito?
5.- As nenas poden
Campaña que nos invita a todos para que a igualdade desde a infancia sexa un obxectivo prioritario.
6.- De par... en par
Trátase da campaña do SAAMA (Servizo de Apoio e Atención contra o Machismo). Cos textos de Neus Nebón  e as ilustracións de Tania Acuña, este vídeo serve como test a todas esas condutas do día a día que forman parte da pirámide machista que remata na violencia contra as mulleres.
7.- Como actuamos ante a violencia machista?
Todo o mundo rexeita, sen ningún tipo de paliativos, a violencia contra as mulleres. Pero, que acontece cando somos testemuñas en primeira persoa deste tipo de agresións?

A compañía sueca STHLM Panda decidiu comprobar a reacción da xente ante a violencia de xénero. Cunha cámara oculta instalada nun ascensor, un home ameaza e agride a súa suposta parella, ante unha testemuña.
Abonda con ver o vídeo para comprobar que, aínda que a opinión e actitude da maioría cidadá é totalmente contraria a este tipo de violencia, á hora da verdade, non se actúa en consecuencia. Só unha das 53 vítimas da cámara oculta reacciona ante a agresión.
Na biblioteca, ese día, con marcapáxinas, música, libros e audiovisuais intentaremos sensibilizar, previr ou detectar situacións de risco.

25N, 2024

 

30 de out. de 2024

29 de out. de 2024

DECORACIÓN SAMAÍN, 2024

Xa temos o centro ambientado, grazas ao incansable traballo de Extrescolares (Elena), Plástica (Ángel) e Tecnoloxía (Ana e Clemen).
Que sucederá mañá?
Picade na imaxe se queredes ver máis.


26 de out. de 2024

CAMBIO DE HORA

Esta noite non hai que esquecer...
Este costume de atrasar o reloxo en inverno e adiantalo en verán empezouse a usar de forma xeneralizada en 1974 tras a primeira crise do petróleo. O obxectivo era poder aproveitar mellor a luz do sol e consumir menos electricidade.
O cambio supón un aforro potencial estimado de enerxía que podería alcanzar o 5%, ao redor de 300 millóns de euros, segundo estimacións do Instituto de Diversificación para o Aforro Enerxético (IDAE).
Non obstante, non todo o mundo está de acordo con este cambio de hora. A Comisión Nacional para a Racionalización dos Horarios Españois (ARHOE), insiste na importancia de non efectuar este cambio para "estar en harmonía coa luz solar".
Esta medida non só se adopta en España, senón que se leva a cabo nuns 70 países en todo o mundo; en concreto, todos os países de Europa, América do Sur, África, algunhas zonas de Estados Unidos e Canadá. É Xapón o único país industrializado que non se adaptou a esta normativa.

16 de out. de 2024

RETROCEDEMOS

Un recente estudo do Instituto Galego de Estatística (IGE) conclúe que o uso habitual do idioma galego perde peso na comunidade.
En concreto, realiza dous importantes avisos: a poboación que sempre fala castelán é xa maioritaria e un terzo de nenos de máis de cinco anos saben falar «pouco ou nada» na lingua cooficial.
Terá algo que ver o Decreto do Plurilingüismo que padecemos dende o 2010?


PREMIO PLANETA, 2024

A escritora Paloma Sánchez-Garnica gañou o Premio Planeta 2024, pola novela Victoria. A autora xa fora finalista no 2021 con Últimos días en Berlín.
Sánchez-Garnica (Madrid, 1962) é licenciada en Dereito e Xeografía e Historia. Chegou a traballar como avogada, pero optou por dedicarse á literatura. A maioría das súas novelas publicounas no editorial Planeta. Tras títulos como La brisa de Oriente (2009) e Las tres heridas (2012), a consagración chegoulle coa Sonata del silencio (2014).
Victoria sitúase na década dos 90, nun barrio popular de Valencia e conta a historia dunha nena, Branca, a quen o seu pai lle anuncia, unha mañá de febreiro, que a súa nai se foi de vacacións. O certo é que os abandonou e non vai regresar. Grazas, ou máis ben por culpa disto, descobre que ten a capacidade de obrar milagres. Aínda que o primeiro sexa matar a unha nena da escola que ría da súa situación familiar.
A finalista deste ano foi Beatriz Serrano, con Fuego en la garganta. Estudou xornalismo e desenvolveu a súa carreira no ámbito dixital, especializándose en novas narrativas. Tras escribir en medios como Vanity Fair e Vogue, actualmente traballa no País e codirixe Arsénico Caviar xunto a Guillermo Alonso, Premio Ondas ex aequo a Mellor pódcast conversacional.

13 de out. de 2024

DÍA DAS ESCRITORAS, 2023

O Día das Escritoras é unha iniciativa  organizada entre a Biblioteca Nacional de España e distintas asociacións desde 2016. Con ela buscan reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.

Como en edicións anteriores, a data elixida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, polo que este ano celebrarase o 16 de outubro. 

"Nesta edición o comisariado recae na escritora Marta Sanz e o tema escollido é O pracer, a alegría e a risa das mulleres, co que pretenden facer do Día das escritoras unha xornada de dobre celebración. Celebración dunha escritura e dunha maneira de percibir a realidade silenciada durante moito tempo, e celebración desa expresión do gozo, a alegría e a risa que a miúdo tamén é un tabú para mulleres educadas na abnegación, o comedimiento e o sacrificio". 

Desde a biblioteca visibilizaremos a obra das escritoras galegas a través da exposición e lectura de fragmentos cos que se busca incentivar a investigación, a exploración e a creación...

Aquí unha recompilación de fragmentos posibles:

Con estes vídeos recordamos a algunha delas.

12 de out. de 2024

PREMIO NACIONAL DE NARRATIVA, 2024

O escritor Raúl Quinto, nacido en Cartaxena en 1978, foi galardoado co Premio Nacional de Narrativa 2024 pola súa obra "Martinete del rey sombra", un libro que narra o arresto masivo de poboación xitana que tivo lugar o 30 de xullo de 1749, baixo o reinado de Fernando VI e por orde do Marqués da Ensenada; considerado por algúns un proxecto errado de exterminio.

“Son un ovni raro no mundo da narrativa”, di Quinto, que provén da poesía, onde publicou libros como La piel del vigilante, La flor de la tortura, Ruido blanco, La lengua rota o el cuaderno Sola. Tamén se deu á narrativa híbrida con Idioteca, Yosotros e Hijo.

10 de out. de 2024

TECNÓPOLE, 2024

Alumnado de 4º, organizado por Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía, visitou a aula Newton do Parque tecnolóxico de Ourense, no polígono de San Cibrán.

Mediante dinámicas prácticas deseñaron un plan de voo entre dúas cidades norueguesas (distancia, tempo, rumbo...), tripularon unha avioneta nun simulador, montaron e pilotaron drons e coñeceron as dificultades para tripulalos.

Hai máis fotos AQUÍ.

PREMIO NOBEL DE LITERATURA, 2024

A surcoreana, Han Kang, foi a elixida polo Comité do Nobel da Academia sueca como gañadora do máximo galardón das letras universais en 2024.

A elixida é unha voz recoñecida internacionalmente e que achega ao Nobel un golpe de actualidade, a que os seus libros e temas puxeron sobre a mesa.

‘La vegetariana’, ‘La clase de griego’', ‘Actos humanos’ e ‘Blanco’ son as obras fundamentais da escritora asiática traducidas ao castelán.



25 de set. de 2024

PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, 2024

A escritora asturiana Mónica Rodríguez foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2024 por Umiko (Diego Pun Edicións), ilustrado por Daniel Piquera Fisk.

O xurado destacou Umiko por “a sonoridade, dominio dos rexistros, pola beleza do relato e pola capacidade para conectar co público ao que vai dirixido e ao que acolle e atrapa desde o principio”.