20 de dec. de 2012

OS IRMÁNS GRIMM, 200 ANOS COS SEUS CONTOS

Google celebra, cun doodle interactivo da Carrapuchiña, que o 20 de decembro do 1812 apareceu a primeira edición dos contos de Jacob e Wilhelm Grimm.
Coa chegada do 2013 e aproveitando este bicentenario, Alemaña dará inicio ao 'ano Grimm' con sede na cidade de Kassel, localidade alemana onde os Grimm reuniron a maioría dos contos que conforman a súa colección.

FELICITACIÓNS

Nós tamén temos árbore de Nadal ao noso xeito... CON LIBROS!

13 de dec. de 2012

CONTOS INTERACTIVOS DE GALAXIA


A asesoría de Bibliotecas Escolares infórmanos en Rede lectura:
"Galaxia acaba de abrir unha páxina (GalaxiaTales) de contos interactivos que se poden adquirir e ler dende calquera dispositivo. Son contos en galego, español e inglés, que conteñen animación, música e locución. De cada un deles pódese ver previamente ao redor dun 20 por cento do seu contido. O proxecto arranca con Unha sorpresa para Goruk de Daniel Landesa con ilustración de María Longa e Así comezaron as aventuras da Rosa dos Ventos e Xan Pericán de Joel Franz Rosell con ilustración de Luis Castro Enjamio.
Podemos entrar e ver".

GUÍAS NADAL 2012

Como cada ano polo Nadal, recordámosvos as novidades que acaban de entrar na biblioteca. É tempo para celebrar, saír, descansar, agasallar aos amigos... e tamén ler.
Ven á biblioteca e concédenos uns minutos, probablemente atopes algo que che interese.
GUÍA INFANTIL/PRIMARIA
GUÍA ESO

12 de dec. de 2012

O Apalpador

O Nadal está xa á volta da esquina. Con el chegan os momentos máis esperados por todos os nenos e nenas: os agasallos. Na biblioteca do CPI temos moitos contos sobre o Nadal pero este ano descubrimos a un personaxe da nosa cultura que durante moito tempo levou xoguetes e libros desde os montes galegos:
O Apalpador. Seguramente vos preguntedes quen é este personaxe. Pois velaí a resposta:

Quen é o Apalpador?

O vello Apalpador, tamén chamado en zonas Apalpabarrigas, ou Pandegueiro en partes do oriente ourensán, é unha figura lendaria galega que achega os agasallos aos nenos polas datas de Nadal. Até os nosos días amósase como un xigante que baixaba das devesas e apalpaba as barriguiñas dos cativos. Se estaban cheas dicía: «Así, así esteas todo o ano» e deixáballes unha presa de castañas. Senón calaba, pero deixáballes tamén as castañas.

Se queredes saber máis sobre o Apalpador so tedes que premer aquí ou preguntar na biblioteca. E se o que vos gustan son os debuxos e as manualidades este é o voso enlace.

11 de dec. de 2012

NÓS TAMÉN ESCRIBIMOS A CARTA!!!

RECITANDO A CELSO EMILIO

Mañá, día 12 do 12 do 2012, ás 12 da mañá, o alumnado de 1º de ESO participará no acto colectivo do recitado público do poema "Deitado frente ao mar" co que a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) se suma ao centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro.
Deitado frente ao mar
Lingua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gana;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas decotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

CELSO EMILIO FERREIRO E CHARLES DICKENS

10 de dec. de 2012

CENTENARIO CELSO EMILIO FERREIRO


A Consellería pon ao dispor do alumnado unha nova ferramenta para achegarse ao poeta de Celanova, no centenario do seu nacemento.
As unidades didácticas xa están dispoñibles no repositorio de contidos do espazo Abalar:

4 de dec. de 2012

MÁIS LIBROS, MÁIS LIBRES

Ler é unha chave para ser libre...
Brasil aposta por iso con esta nova medida: os reclusos dos cárceres de Brasil poderán rebaixar 48 días por cada ano de condea se len ao ano 12 obras literarias, científicas ou filosóficas, que deberán reseñar. 
Que vos parece a medida?
Para saber máis...

 

3 de dec. de 2012

CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA, 2013

Con motivo da celebración do Día das Librerías (30 novembro), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria distribúe o Calendario do Libro e da Lectura 2013, unha lámina coas datas conmemorativas do ano que vén arredor dos libros.

Canto traballo nos espera! Non imos dar feito!!!!