20 novembro 2025

MÚSICA E NOVAS TECNOLOXÍAS

Guiados polo profesor Didier Díaz Magan, os alumnos de 3° ESO ahegáronse ás novas tecnoloxías en música, mesturando as pistas de música electrónica a través dunha aplicación.
Xa temos DJ na Cañiza!

16 novembro 2025

25 N

Polos creativos colaboran cos clubs de lectura no deseño e creación de pulseiras. Coa súa venda, conseguirán unha axuda para a excursión de fin de curso.

OCHO SEÑALES, NOELIA MÍGUEZ

 

Un ano máis, o alumnado de 3º tivo a oportunidade de escoitar a Noelia Míguez. A autora presenta Ocho señales, un relato autobiográfico que detalla a relación de abuso, psicolóxico e físico, que case lle custa a vida.

Noelia, a través do libro, busca concienciar á sociedade sobre a violencia de xénero, para que poidamos recoñecer os sinais de alerta nas relacións abusivas.


10 novembro 2025

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Neste espazo ofrecemos elementos motivadores cos que debatir e sensibilizar e, ademais, un banco de recursos. 
É importante detectar a desigualdade para loitar contra ela; só educando en igualdade a homes e mulleres estaremos contribuíndo a reducir e eliminar a secuela da violencia de xénero.
1.- "El bello Rafa Nadal", de Barbijaputa para el diario.es
Recuperamos un artigo publicado no 2016 no que a autora utiliza a forma de falar e escribir que se emprega con frecuencia para falar das mulleres deportistas.
2.- Videopoema "Inagotables" do libro Asíntota de Carlos Miguel Cortés.
3.- ¡Qué niña tan bonita!
Curta de Alicia Ródenas con texto de Ro de la Torre coa que se presentou á sétima edición do concurso de curtas do instituto Diego Siloé de Albacete.
Ao longo do vídeo, a moza le cen frases ás que cada muller está exposta desde a súa nenez; entre outras: "Se te ven xogar cos mozos chamaranche marimacho" ou "Non sexas tan bruta xogando, pareces un neno".
 
4.- Sexismo no deporte
"Poderías dar unha volta para nós e dicirnos algo sobre o teu vestiario?" Esta é unha de tantas preguntas que os xornalistas deportivos lles fan ás atletas e que recolle a campaña #CovertheAtlete.
Pois ben, como reaccionarían eles de seren tratados do mesmo xeito?
5.- As nenas poden
Campaña que nos invita a todos para que a igualdade desde a infancia sexa un obxectivo prioritario.
6.- De par... en par
Trátase da campaña do SAAMA (Servizo de Apoio e Atención contra o Machismo). Cos textos de Neus Nebón  e as ilustracións de Tania Acuña, este vídeo serve como test a todas esas condutas do día a día que forman parte da pirámide machista que remata na violencia contra as mulleres.
7.- Como actuamos ante a violencia machista?
Todo o mundo rexeita, sen ningún tipo de paliativos, a violencia contra as mulleres. Pero, que acontece cando somos testemuñas en primeira persoa deste tipo de agresións?

A compañía sueca STHLM Panda decidiu comprobar a reacción da xente ante a violencia de xénero. Cunha cámara oculta instalada nun ascensor, un home ameaza e agride a súa suposta parella, ante unha testemuña.
Abonda con ver o vídeo para comprobar que, aínda que a opinión e actitude da maioría cidadá é totalmente contraria a este tipo de violencia, á hora da verdade, non se actúa en consecuencia. Só unha das 53 vítimas da cámara oculta reacciona ante a agresión.
Na biblioteca, ese día, con marcapáxinas, música, libros e audiovisuais intentaremos sensibilizar, previr ou detectar situacións de risco.

30 outubro 2025

SAMAÍN, 2025

Hoxe celebramos o Samaín cun concurso de retos terroríficos, que incluía un túnel do terror. Moitos viñemos disfrazados de xeito máis ou menos "arrepiante".
Picade na foto para entrar na galería.

O noso compañeiro, Favio (1B), recreando os Barbacáns do Val d'Arán

25 outubro 2025

CAMBIO DE HORA

Esta noite non hai que esquecer...
Este costume de atrasar o reloxo en inverno e adiantalo en verán empezouse a usar de forma xeneralizada en 1974 tras a primeira crise do petróleo. O obxectivo era poder aproveitar mellor a luz do sol e consumir menos electricidade.
O cambio supón un aforro potencial estimado de enerxía que podería alcanzar o 5%, ao redor de 300 millóns de euros, segundo estimacións do Instituto de Diversificación para o Aforro Enerxético (IDAE).
Non obstante, non todo o mundo está de acordo con este cambio de hora. A Comisión Nacional para a Racionalización dos Horarios Españois (ARHOE), insiste na importancia de non efectuar este cambio para "estar en harmonía coa luz solar".
Esta medida non só se adopta en España, senón que se leva a cabo nuns 70 países en todo o mundo; en concreto, todos os países de Europa, América do Sur, África, algunhas zonas de Estados Unidos e Canadá. É Xapón o único país industrializado que non se adaptou a esta normativa.

22 outubro 2025

AGASALLO

Estes días recibimos un agasallo; esta orixinal creación do equipo de Polos Creativos. Con ela recordamos a festa das letras pasadas e ansiamos repetila. Estamos dispostas!

E xa a temos colgada, faltaría máis!!!!
GRAZAS chicas.

 

16 outubro 2025

PREMIO PLANETA, 2025

O escritor e tertuliano Juan del Val alzouse co Premio Planeta 2025, coa novela "Vera, una historia de amor".
O autor xa fora recoñecido no ámbito literario: en 2019 gañou o Premio Primavera con "Candela" e despois publicou "Delparaíso" e "Bocabesada", todas con mulleres como protagonistas.
A obra premiada narra a vida dunha muller da alta sociedade sevillana que, atrapada nun matrimonio cun marqués, inicia unha relación cun home máis novo e de orixe humilde.
A outra protagonista da noite: a autora galega, Ángela Banzas, quedou finalista con "Cuando el viento hable", unha novela histórica ambientada na posguerra.

13 outubro 2025

PREMIO NACIONAL DE NARRATIVA, 2025

O escritor Paco Cerdà foi elixido Premio Nacional de Narrativa 2025, pola súa obra Presentes, editada por Alfaguara.

O xurado destacou "a mestría estilística coa que o autor, cun lirismo tan natural como impactante, describe a construción dun mito, a través da narración do traslado dos restos de José Antonio Primo de Rivera desde Alacante ata El Escorial".

24 OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS

Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro,  unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.
O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan na loita contra a desinformación.
Para celebrar o día, participa no concurso que vos propuxemos aquí.

DÍA DAS ESCRITORAS, 2025

Hoxe celebramos o Día das Escritoras. Trátase dunha iniciativa organizada por entidades varias (Biblioteca Nacional de España, FEDEPE, Asociación Clásicas e Modernas...) coa que se busca reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.

A X Edición celébrase este ano baixo o lema "1975: Escribide, compañeiras!l".

"As escritoras activas ao redor de 1975 reflicten en moitas das súas obras o desexo dun cambio profundo e radical nas vidas das mulleres, denuncian a falta de liberdade e de autonomía, dan testemuño do que ocorre fóra de España, esixen unha nova orde amorosa e un cambio nas leis que as veu marxinando durante o franquismo".

Escolma de textos en galego

A Biblioteca Nacional

O día no Portal das palabras

11 outubro 2025

PREMIO NOBEL DE LITERATURA, 2025

O escritor húngaro László Krasznahorkai recibiu o premio Nobel de Literatura 2025, grazas a novelas como "Tango Satánico", "La melancolía de la resistencia" ou "Herscht 07769", unha das súas últimas obras.

01 outubro 2025

CLUB LECTURA

 Os de Muchachada lectora xa están organizados.

Se algún se despistou aínda está a tempo. Preguntade na biblioteca ou a calquera profe, se estades interesados.

28 setembro 2025

PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, 2025

Leire Bilbao, premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2025, cunha obra editada únicamente en euskera.

A autora foi galardoada por ‘Klera’ no que aborda con “beleza poética temas tan crus como a guerra”, segundo o xurado.

Klera, en realidade, é un libro coral, como suxiren os seis nomees na súa portada. Leire Bilbao é a escritora do conto, ilustrado por June San Sebastian. Ademais, conta con música de Maite Larburu e coreografías de danza da compañía Kukai, dirixida por Jon Maya, e gravadas en vídeo por David Bernués, aos que se accede a través de códigos QR integrados nas ilustracións.

24 setembro 2025

GALICIA SABE AMAR

Hoxe visitounos a "foodtruck" de GALICIA SABE AMAR para traernos, con dous petiscos de produtos do mar, o sabor das rías galegas.

Con esta campaña, a Xunta de Galicia busca animar á cidadanía a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo.


19 setembro 2025

II XORNADA DE SAÚDE

Hoxe, recibimos aos compañeiros do Servixo de Atención Primaria (SAP) da Cañiza, para fomentar hábitos saudables entre o alumnado.

Nesta segunda edición, os obradoiros práticos trataron sobre alimentación, prevención do tabaquismo e resucitación cardiopulmonar (RCP).

Agardamos repetir!!!

Para máis fotos, pincha na imaxe

18 setembro 2025

PREMIO NACIONAL DE CÓMIC, 2025

Candela Sierra, Premio Nacional de Cómic 2025 por ‘Lo sabes aunque no te lo he dicho’, un repaso gráfico con ironía e intelixencia ás manías da sociedade contemporánea.


16 setembro 2025

ABALARMÓBIL PARA AS FAMILIAS


A Xunta de Galicia, coa finalidade de aumentar o acercamento entre o profesorado e as familias, puxo en marcha "AbalarMóbil".
Trátase dunha aplicación que permite ás familias:
  • Acceder aos datos persoais.
  • Consultar as cualificacións.
  • Consultar e xustificar as faltas de asistencia.
  • Consultar as faltas de conduta.
  • Solicitar ou cancelar unha cita de titoría.
  • Consultar avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo.
Pódese instalar tanto no teléfono móbil como nunha tablet dende Apple store (se o sistema operativo é IOS) ou dende Play Store (se o sistema operativo é Android). 
Para acceder aos datos do alumno/a é necesario que o número de teléfono dende o que se usa a aplicación estea rexistrado no seu expediente do XADE (deberán preguntar no centro se non están seguros).
Vídeo titorial

Toda a información está na web "espazoAbalar".

11 setembro 2025

PREMIO PRINCESA DE ASTURIAS DAS LETRAS, 2025

Eduardo Mendoza foi galardoado co Premio Princesa de Asturias das Letras 2025, un recoñecemento á súa decisiva achega á narrativa contemporánea en lingua española.

Eduardo Mendoza naceu en Barcelona en 1943. Desde o seu debut en 1975 con La verdad sobre el caso Savolta —obra que marcou un antes e un despois na literatura española do século XX e pola que recibiu o Premio da Crítica—, consolidou unha carreira literaria tan prolífica como versátil.

Tras La verdad sobre el caso Savolta publicou: El misterio de la cripta embrujada, El laberinto de las aceitunas, La ciudad de los prodigios, Sin noticias de Gurb, Una comedia ligera, La aventura del tocador de señoras (2001), El asombroso viaje de Pomponio Flato, El secreto de la modelo extraviada, Tres enigmas para la Organización...

10 setembro 2025

PREMIO CERVANTES CHICO, 2025

David Lozano foi galardoado co XXIX Premio Cervantes Chico 2025, un dos recoñecementos máis prestixiosos do xénero en España, impulsado polo Concello de Alcalá de Henares.

O seu debut literario foi en 2006, cando gañou o premio Gran Angular coa novela Donde surgen las sombras. Desde entón, cultivou un estilo propio, centrado no suspense e a intriga, especialmente dirixido a un público xuvenil. Obras como Hyde, Cielo Rojo, Valkiria ou a triloxía La Puerta Oscura consolidaron a súa reputación.

PREMIO NACIONAL DE POESÍA, 2025

Miriam Reyes foi galardoada co Premio Nacional de Poesía 2025 pola súa obra Con. 

Poeta, editora e tradutora nada en Ourense, Miriam Reyes emigrou aos oito anos a Caracas, onde estudou Letras na Universidade Central de Venezuela. Posteriormente licenciouse en Filoloxía Hispánica na Universitat de Barcelona. Ademais de Con, publicou os libros de poemas Espejo negro, Bella durmiente, Desalojos, Yo, interior, cuerpo, haz lo que te digo, Prensado en frío y Sardiña.

A súa obra poética está recollida no volume Extraña manera de estar viva. Desde o ano 2001 experimenta coa escritura audiovisual e o recital multimedia, levando a poesía a outros formatos e escenarios.

09 setembro 2025

PREMIO NACIONAL DE ILUSTRACIÓN, 2025

Violeta Fernández Lópiz foi galardoada co Premio Nacional de Ilustración 2025

No seu fallo, o xurado sinalou que Violeta Lópiz, ilustradora principalmente de álbum ilustrado, “ofrece un universo novo co que, a través dunha estrutura sinxela, clara e delicada, permítenos tocar con nosas propias mans outros mundos”.

04 xullo 2025

CALENDARIO ESCOLAR 2025-2026

E aínda sen rematar o 24-25, xa podedes descargar os calendarios escolares do 25-26, o anual ou os mensuais, coas festas locais.

26 xuño 2025

FESTIVAL E GRADUACIÓN, 2025

Non puido ser na data prevista, pero aquí estivemos hoxe celebrándoo a tope.
Despedíronse os de 4º cunha mestura de emocións: alegría por rematar unha etapa, tristeza por despedirse, inquietude ao comezar una nova aventura, incerteza ante os novos retos...
Lembrade que aquí as portas estarán sempre abertas para vós.
Parabéns, graduados!!!
Graduación 2025 de elena

18 xuño 2025

IOGA

Hoxe fixemos ioga co profe José Luis, do IES da Cañiza. Foi en inglés e tivemos a participación de antiguos alumnos.