10 outubro 2024

PREMIO NOBEL DE LITERATURA, 2024

A surcoreana, Han Kang, foi a elixida polo Comité do Nobel da Academia sueca como gañadora do máximo galardón das letras universais en 2024.

A elixida é unha voz recoñecida internacionalmente e que achega ao Nobel un golpe de actualidade, a que os seus libros e temas puxeron sobre a mesa.

‘La vegetariana’, ‘La clase de griego’', ‘Actos humanos’ e ‘Blanco’ son as obras fundamentais da escritora asiática traducidas ao castelán.



25 setembro 2024

PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, 2024

A escritora asturiana Mónica Rodríguez foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2024 por Umiko (Diego Pun Edicións), ilustrado por Daniel Piquera Fisk.

O xurado destacou Umiko por “a sonoridade, dominio dos rexistros, pola beleza do relato e pola capacidade para conectar co público ao que vai dirixido e ao que acolle e atrapa desde o principio”.


21 setembro 2024

PREMIO NACIONAL DE POESÍA, 2024

María Jesús Pato Díaz (Chus Pato) foi galardoada co Premio Nacional de Poesía, correspondente ao ano 2024, pola súa obra ‘Sonora’.

O xurado destacou ‘Sonora’ por “ser unha obra experimental e unha conversación entre o poema e a morte, aquela que, tras a orfandade da nai, arrastra aos lectores cara aos abismos da propia liñaxe".

Chus Pato, nacida en Ourense en 1955, é autora de varios títulos polos que recibiu outros galardóns como o Premio Nacional da Crítica Española, na súa modalidade de poesía galega e é, ademais, una das poetas galegas e en galego de maior proxección internacional.

Algunha das súas obras: "M-Talá", "Charenton", "Secesión" ou "Carne de Leviatán".

18 setembro 2024

PREMIO NACIONAL DE CÓMIC, 2024

A ilustradora e autora de cómic Bea Lema foi galardoada co Premio Nacional do Cómic de 2024 pola obra "El Cuerpo de Cristo", da que o xurado destaca que “posúe unha gran profundidade e sensibilidade pola maneira de abordar un tema tan complexo como o da saúde mental desde a propia experiencia da autora, así como a reivindicación da importancia dos coidados”.

Para o xurado, a obra é “innovadora, arriscada no formal, con texturas e composicións que transcenden as técnicas máis utilizadas, sen renunciar ao uso do humor e a unha mirada poética”. Ademais dos debuxos, Lema inclúe nesta obra bordados feitos a man por ela mesma.

En 2017, Lema recibiu o Premio de Cómic Castelao da Deputación da Coruña por "O Corpo de Cristo2, o seu debut na novela gráfica e a primeira versión do libro agora premiado.




16 setembro 2024

LEITMOTIV CURSO 2024-2025

Temos un comezo de curso convulso. O desprezo sistemático da Admón, con novidades de última hora, fainos perder horas de atención, para poder cubrir outras necesidades do centro.

Aínda así, aquí estamos, co motivo que nos guiará este curso: AS ARTES.

15 setembro 2024

BIBLIOTECA ESCOLAR, A ESCENA!

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2024/2025. O lema elixido, BIBLIOTECA ESCOLAR, A ESCEA, abre as portas a traballar o teatro en todas as súas variantes. As bibliotecas escolares saen a escena para ler, interpretar, radiar, escribir e gozar co TEATRO.

 A imaxe é obra da ilustradora e muralista Xoana Almar

PREMIO CERVANTES CHICO, 2024

En xullo, reuníase o Xurado e acordaba outorgarllo á escritora Begoña Oro Pradera, en recoñecemento á súa exitosa traxectoria no mundo da literatura infantil e xuvenil.



Nacida en Zaragoza, recibiu outros grandes galardóns do mundo da literatura xuvenil e infantil, como o Premio Gran Angular en 2011, por "Pomelo y Limón". A súa novela "Croquetas y wasaps" foi incluída na lista dos dez mellores libros xuvenís do País no ano 2013. En 2014 quedou finalista do premio O Barco de Vapor por "El niño del carrito". Recibiu o Premio Lazarillo en 2018 pola súa obra "Un fuego rojo", ou o Premio Xaén de Literatura Xuvenil polo libro "Tú tan cáncer y yo tan virgo".